Nun acto amenizado pola Banda de Música de Silleda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado provincial Santos Héctor; ao alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e concelleiras e concelleiros do goberno municipal, inaugurou esta mañá as obras para a mellora de mobilidade e seguridade viaria no entorno do Centro de Saúde e Centro Social de Maiores. Esta actuación, que foi adxudicada por un total de 441.547,98 euros, foi financiada na súa totalidade pola Deputación, o 70% a través do plan DepoRemse e o 30% a través do Plan Concellos. “Estou encantada de que a cidade de Manhattan teña envexa das obras que facemos en Silleda. Xa lle gustaría parecerse a como está agora esta vila, unha das máis importantes da provincia”, enxalzou a presidenta.
Durante a súa intervención, Silva destacou o resultado da actuación acometida en Silleda e subliñou que “temos un novo espazo público, para que sexa da xente e non dos vehículos” e engadiu que “por suposto que os coches necesitan pasar e tamén aparcamentos, pero sobre todo precisamos espazos que sexan nosos, da xente, nos que poidamos camiñar, estar xuntas e xuntos ou facer actividades”. A presidenta da institución continuou comprometéndose a abordar a petición do alcalde para facer unha rotonda “para darlle facilidades á vila e para que a veciñanza se poida mover con todas as garantías”. Para rematar, Carmela Silva tamén quixo facer un recoñecemento á Banda de Música de Silleda que “é un orgullo para toda a provincia e para toda Galicia. En Lorient, a vosa participación foi a bomba, todo o mundo falaba da Banda de Música de Silleda porque é unha das mellores que temos”, resaltou a presidenta.
Pola súa banda, o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, agradeceu á Deputación de Pontevedra “por facer posible obras coma esta” e destacou a importancia desta actuación que “se sitúa nun dos enclaves máis utilizados de Silleda”. Amais, Cuiña tamén tivo unhas palabras para a Banda de Música de Silleda, “da cal todas e todos nos sentimos orgullosas e orgullosos”.
Máis polo miúdo, o proxecto, cuxo principal obxectivo era mellorar a accesibilidade e dar preferencia peonil, contemplou a actuación sobre a rúa Chousa Nova e a rúa Avenida do Parque, que entronca con dúas estradas provinciais, a EP 7201 e a EP 6517. Trátase dunha zona na que, nun radio de 300 metros, atópanse o IES Plurilingüe Pintor Colmeiro, o Cemiterio Municipal e o Parque Municipal As Pedrosas, amais do Centro de Saúde e o Centro Social de Maiores. Así, as obras comprenderon o aumento de ancho das beirarrúas en diversos puntos, para maior comodidade das persoas; e, por razóns estéticas e de seguridade, tamén se fixo un pavimento de baldosas de granito de cor gris fronte ao centro de saúde. Amais, a actuación tamén incluíu a creación dunha senda peonil de case medio quilómetro e a habilitación dunha “zona 30” de velocidade máxima para os vehículos. Tamén se instalaron dúas zonas de convivencia con carácter de praza urbana diante do hotel e do campo de fútbol, renovouse o alumeado público, o saneamento e o abastecemento. Por último, enterráronse as liñas eléctricas e fixéronse traballos de xardinería que foron completados cun novo mobiliario urbano.
7,7 millóns de euros na lexislatura
Nos catro anos da primeira lexislatura, a Deputación de Pontevedra investiu en Silleda case 7,7 millóns de euros entre todas as áreas de goberno. De feito, no vixente Plan Concellos 2019, a institución provincial achega ao municipio 784.466,23 euros, un 3,86% máis que no exercicio anterior. Ademais, o concello de Silleda tamén se beneficiou dun proxecto do Plan de Reequilibrio para a mellora do campo de fútbol de Bandeira (fase II), inaugurado fai uns meses, que contou cun investimento de 706.136 euros.
Neste momentos tamén se está a traballar na EP 6518 Silleda-Ponte para a mellora da mobilidade peonil, outro exemplo máis das melloras urbanas que a Deputación está a por en marcha para converter a Silleda nun referente urbano. De feito, cun orzamento de case 600.000 euros, dos que a Deputación aporta 416.024€, estase a actuar nun treito da estrada onde na actualidade é moi difícil a accesibilidade e a convivencia entre peóns e vehículos, sobre todo na zona arredor do centro de día. O obxectivo é transformar o viario nun entorno cun alto peso de mobilidade peonil. Para logralo, realizaranse medidas de sinalización, calmado de tráfico e creación de espazos peonís.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.