O servizo de Reumatoloxía do CHUVI e o Grupo de Investigación IRIDIS do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur organizarán mañá venres unha videoconferencia que versará sobre distintos aspectos do Lupus Eritematoso Sistémico (LES) nos tempos da COVID19.
A sesión está orientada a resolver e aclarar as dúbidas dos pacientes con lupus con respecto á incidencia da infección por SARS-Coronavirus-2 nos doentes con esta enfermidade e, sobre todo, a relación coa súa medicación. Hai que ter en conta que un dos tratamentos base para os pacientes con Lupus é a hidroxicloroquina, un fármaco que se empregou, asociado con outros, nos enfermos diagnosticados de coronavirus ao comezo da pandemia, aínda que nestes momentos detivéronse os ensaios clínicos con este fármaco para o seu uso contra o COVID19.
O reumatólogo José María Pego Reigosa, responsable do Grupo de Investigación IRIDIS, organiza o evento, que se enmarca na celebración, durante todo o mes de maio, dos actos relacionados co Lupus, e explica que “será unha sesión moi didáctica, orientada aos pacientes e ás asociacións, que mostraron inquietudes durante estes meses pola incidencia da COVID19 nas persoas con enfermidades reumatolóxicas sistémicas”.
Na Área Sanitaria de Vigo están diagnosticados de Lupus ao redor de 300 pacientes. A prevaleza desta patoloxía probablemente non se incrementou nos últimos anos, segundo o doutor Pego, “aínda que se avanzou nos diagnósticos precoces da enfermidade”.
Sesión aberta á a cidadanía
A videoconferencia “O Lupus nos tempos da COVID19” comezará ás 16,30 horas de mañá venres. Os interesados en participar na mesma poderán facelo a través da ligazón http://mayo2020-lupus-covid19.iisgaliciasur.es/
Aínda que a invitación para participar fíxose a través das asociacións de pacientes, tanto provinciais como a nivel galego, o acto é aberto á cidadanía. A sesión iniciarase ás 16:30 horas e está previsto que conclúa sobre as 18 horas deste venres.
No mesmo intervirán profesionais do Servizo de Reumatoloxía e de Farmacia do CHUVI, que abordarán, a través de vídeos de curta duración, os aspectos máis de actualidade da enfermidade. Tamén asistirán membros do Servizo de Medicina preventiva que actualizarán a situación das vacinas frente ó coronavirus así como aspectos de Medicina do traballo, importantes para estas doentes. Así, entre outros temas, tratarase de: “As consultas co Reumatólogo en tempo de COVID19”, “O Lupus e o traballo en tempos da COVID19”, “Fármacos para o Lupus e risco de COVID19”, “A hidroxicloroquina e o Lupus”, “A hicroxicoloquina no tratamento da COVID19”, e “Os ensaios clínicos sobre Lupus en tempo da COVID19”.
Ademais destes aspectos concretos, a sesión está aberta a falar doutros asuntos relacionados có Lupus que poidan resultar de interés para os asistentes.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.