O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reiterou hoxe o compromiso da Xunta cunha economía baseada no coñecemento, coa posta en marcha da comisión interdepartamental de I+D+i.
Conscientes de que a economía do coñecemento é probablemente a única saída que ten Europa para manter o seu posicionamento no mundo e seguir sendo unha rexión competitiva, Feijóo subliñou que o obxectivo prioritario desta nova estrutura será a de potenciar a planificación e coordinación dos obxectivos, actuacións, instrumentos e fondos da Comunidade nesta materia.
Con este fin, a Comisión, que celebrou hoxe a súa primeira reunión, está presidida polo vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asumindo a vicepresidencia a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey.
Tamén están representadas nela as direccións xerais de Planificación e Orzamentos; Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos; Comercio e Consumo; Calidade Ambiental, Sostenibilidade e Cambio Climático; Desenvolvemento Pesqueiro; a Escola Galega de Administración Pública (EGAP); a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega); o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape); a Axencia Galega de Industria Forestal (Xera); a Secretaría Xeral de Universidades; a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS); a Secretaría Xeral de Igualdade; a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal); así como a área de xestión da Axencia Galega de Innovación (Gain).
Toda a súa estrutura traballará para dar unha resposta eficaz e eficiente aos novos retos derivados da pandemia, como xa se fixo da man do sistema galego de I+D+i,; e como se vai seguir facendo, a través dos fondos europeos, como é o caso dos Next Generation.
Á súa vez, implantará un sistema permanente de seguimento e avaliación para identificar melloras nas políticas de I+D+i galegas, que permitan seguir avanzando.
Ao longo da súa intervención, Feijóo salientou que a traxectoria da Xunta constata que a I+D+i é un ámbito de actuación cada vez máis prioritario para Galicia. Non en van, o orzamento destinado a esta materia en 2021 sitúase en 228 M€, polo que se duplican os recursos investidos en 2014 a este mesmo fin (113 M€).
Así mesmo, na última lexislatura, Galicia no seu conxunto -administracións públicas e empresas privadas- aumentou o investimento en I+D nun 24,5%, 7 puntos máis que a media do Estado; aumentando un 18,34% o persoal dedicado a actividades neste ámbito, 6 puntos máis.
A modo de exemplo, cómpre salientar que, en 2019, a Comunidade galega acadou os niveis máis altos de toda a serie histórica en diferentes variables: investimento (627,3M€), persoal en I+D (10.085 persoas) e investigadores (6.724).
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.