O programa “En Ruta coa Depo 2019” organiza esta fin de semana 6 novas excursións nas que participarán preto de 500 persoas de catro concellos da provincia. En concreto serán 486 veciñas e veciños dos concellos de Pontevedra, O Porriño, Vigo e Salceda. Máis polo miúdo, o sábado, 54 persoas da Asociación de Veciños Agrícola e Cultural San Tomé de Parderrubias-Salceda de Caselas visitarán o mosteiro de Aciveiro, en Forcarei; e o castro de Toiriz, o mosteiro de Carboeiro e a fervenza do río Toxa, en Silleda. Outras 54 persoas da Asociación Cultural A Forna-Porriño coñecerán, ese mesmo día, o parque da natureza do río Barosa, en Barro; o miradoiro do Val, en Portas; o xacemento da igrexa vella de Santa Comba de Louro, en Valga; e Torres de Oeste, en Catoira.
Pola súa banda, o domingo, 108 persoas da Asociación Veciñal de Consumidores e Usuarios de Lavadores farán a ruta das camelias señoriais e a ruta das maceiras, visitando o pazo de Lourizán e Pazo de Gandarón, en Pontevedra; e o pazo de Oca e Ruta das Maceiras de Callobre, na Estrada. Amais, outras 108 persoas da Asociación de Veciños de Beade, van coñecer o santuario de Santa María da Franqueira, na Cañiza; e o Centro de Interpretación da Cera (Favum) e Casa-Museo Pazo da Cruz, en Covelo. Por último, ese mesmo día, 162 persoas da Asociación de Veciños Salceda de Caselas e do Centro Cultural La Feria farán a súa ruta por Arousa, coñecerán a Illa da Toxa, farán un percorrido en barco pola ría de Arousa (con degustación); e, tamén, irán ao Grove, ao Museo da Salga, e darán un paseo pola zona e polo xacemento da Lanzada.
O programa “En Ruta coa Depo 2019” oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia. En liñas xerais, a través desta iniciativa a Deputación pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Tamén dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.