A Mesa pola Normalización Lingüística reuniuse o pasado día 30 en Compostela con Concepción Burgo, do PSOE-PSdG, para presentarlle o Manifesto a prol da pluralidade lingüística: liberdade, igualdade, democracia promovido pola entidade de defensa dos dereitos linüísticos, xunto con entidades do resto do Estado, como Kontseilua (Euskal Herria), Ómnium Cultural, Ciemen e Plataforma per la Llengua (Cataluña), Acción Cultural del País Valencia (País Valenciá), Obra Cultural Balear (Illas Baleares), Nogará (Aragón) ou Iniciativa pel Asturianu (Asturias). Burgo amosou o apoio do PSOE-PSdG ao manifesto, que xa asinaron máis de 1350 persoas a través da páxina web da entidade de defensa dos dereitos lingüísticos. Quen queira sumarse, pode facelo seguindo esta ligazón.
O manifesto conxunto a prol da pluralidade lingüística recolle a situación de desigualdade manifesta das linguas diferentes do castelán no Estado español, que recentemente foi denunciada en organismos internacionais como a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, o Parlamento Europeo ou o Consello de Europa e mais no Congreso español. “Existen máis de 500 disposicións legais que amparan o español”, recorda a secretaria xeral da Mesa, Mónica Pazos. “Coñecer a lingua propia de cada territorio, no caso de Galiza o galego”, explica, “non é requisito para o acceso á administración pública, incluída xustiza ou os corpos de seguridade; a presenza nos medios de comunicación públicos do Estado é anecdótica; e a lexislación restrinxe a presenza das linguas na etiquetaxe e información de produtos”. “O incumprimento da Carta Europea das linguas é flagrante”, conclúe, “e tal e como recolle o manifesto conxunto esta situación debe ser recoñecida, para avanzarmos nun Estado democrático”.
“Só desde posicións de odio, favorábeis á discriminación e contrarias ao pluralismo”, asegura Pazos, “se pode defender a situación actual”. “O Estado español é plurilingüe”, recorda, “e non pode recoñecer máis dereitos a quen fala unha das linguas que existen dentro do seu territorio, todas e todos os cidadáns temos os mesmos dereitos e deberes”. “As linguas son mostra de diversidade e non hai linguas superiores a outras”, asegura a secretaria xeral da Mesa, “todas son útiles para a comunidade que a fala e precisas para o desenvolvemento cultural e social da súa comunidade”. A igualdade entre as linguas é igualdade entre os cidadáns”, conclúe.
“Para garantir a igualdade lingüística”, recolle o manifesto, “o Estado debe estender deberes e dereitos dos que até agora só se beneficiou o castelán, como son a capacitación en linguas propias do persoal de todas as administracións públicas, incluída a de xustiza, o seu uso xeralizado nas páxinas oficiais e o seu recoñecemento a nível internacional e paridade co castelán. Así mesmo debe pór fin á imposición legal exclusiva do castelán na normativa estatal, que afecta de maneira frontal ao ámbito económico e singularmente á etiquetaxe, e debe de emprender unha política decidida para rematar coas discriminacións lingüísticas e para difundir o coñecemento e o respecto por todas as nosas linguas”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.