O PPdeG agradece a pemes e autónomos o seu esforzo para lograr que Galicia lidere a caída do paro

Miguel Tellado valora o sacrificio de moitas empresas para afrontar a situación derivada da pandemia sen destruír postos de traballo

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, agradeceu o esforzo das pemes e dos autónomos para lograr que Galicia sexa unha das dúas comunidades nas que baixa o paro e lidere a caída, tal e como reflicten os datos de desemprego de xaneiro, que tamén rexistran que temos 5.645 parados menos que ao inicio da pandemia.

Así, na evolución mensual, a nosa Autonomía comeza o ano cunha baixada do paro de 3.603 persoas, mentres que no Estado a cifra aumenta; o desemprego descende por primeira vez nun mes de xaneiro desde 1996 e baixa nas catro provincias, nas sete grandes cidades, nos principais sectores económicos, e nos colectivos prioritarios -mulleres, menores de 30 anos, maiores de 44 anos e nos parados de longa duración-. Ademais, prodúcese un incremento da contratación indefinida e a tempo completo.

“A estabilidade de Galicia está permitindo que o noso mercado de traballo resista os efectos da COVID-19”, aseverou apuntando que, ademais das cifras de hoxe, os últimos datos da EPA amosaban que 2020 tamén pechou con menos paro e máis emprego indefinido, o que evidencia a creación de emprego de calidade.

AXUDAS DIRECTAS PARA MANTER O EMPREGO

“Sabemos o mal que o están pasando moitos sectores pero non están sós no seu esforzo”, manifestou explicando que o Goberno galego sabe que cada medida restritiva que é preciso adoptar para loitar contra a pandemia debe estar acompañada de apoios económicos directos para intentar manter o emprego.

De feito, lembrou que a Xunta xa ten practicamente pechado o segundo Plan de Rescate para activar as primeiras axudas coa máxima urxencia porque “non se pode esperar máis ante a necesidade dalgúns sectores como a hostalaría”. “O obxectivo é que cheguen a máis beneficiarios, con menos requisitos, máis rápidas e acumulables co primeiro Plan”, insistiu precisando que hai que dar resposta ao que trasladan persoas traballadoras autónomas, empresarios e representantes sindicais.

Cómpre sinalar que a tramitación do Executivo autonómico dá máis axilidade e elimina burocracia, quedando demostrada a súa eficacia co reparto das axudas do primeiro Plan de Rescate, antes incluso de rematar o prazo de solicitude.

Tellado tamén contrapuxo a implicación e compromiso do Goberno galego co de outras administracións pois, mentres a Xunta ten mobilizados 160 millóns de euros en 90 días para axudar aos autónomos, microempresas e hostaleiros, “hai deputacións que ata o de agora non deron nin o primeiro euro malia que levamos 11 meses de pandemia”.

“Non importan as cores políticas cando hai familias que están pasando por moitas dificultades”, dixo incidindo no importante que é chegar a un acordo cos concellos e coas deputacións que permita aumentar as axudas aos máis afectados.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM