O PP evita comprometerse cun plan de viabilidade que garanta a continuidade da planta de Siemens Gamesa en As Somozas

Publicado por o día 20/01/2021 na sección de Política,PSOE

O PP evita comprometerse cun plan de viabilidade que garanta a continuidade da planta de Siemens Gamesa en As Somozas

O portavoz de Política Industrial do Grupo Socialista, Martín Seco, lamentou hoxe a negativa do PP a respaldar unha iniciativa de apoio á planta de Siemens – Gamesa en As Somozas presentada polo PSdeG en Comisión. A proposta foi rexeitada polo PP porque incluía o compromiso da Xunta para elaborar un plan de viabilidade incorporando a mellora das infraestruturas e o apoio á modernización da fábrica.

Seco, que mantivo un encontro cos representantes do Comité de Empresa que hoxe se desprazaron ata o Parlamento de Galicia, chamou a ofrecerlle á empresa unha “mensaxe clara de que estamos todos unidos” para frear o ERE aberto onte. Amosou a súa sorpresa logo de que o portavoz do PP anunciara que as intervencións incluídas na iniciativa estaban previstas nos Orzamentos da Xunta, pero sen embargo se negaran a apoiar a proposta socialista no Parlamento.

En concreto, negáronse a pedirlle á Xunta un plan de viabilidade para a planta, incluíndo as actuacións que a empresa alega como motivo do peche das instalacións. Aludía así ás infraestruturas viarias para o transporte do material dende o Porto de Ferrol e o apoio público á modernización da factoría e a aposta polos novos modelos de palas na planta das Somozas.

O parlamentario socialista reclamoulle ao PP e ao goberno galego “apoiar en todo o necesario para garantir a viabilidade da fábrica e as infraestruturas que din que teñen presupostadas pero que non fixeron ata o día de hoxe”. Chamou a “deixar claro que non haberá problema cunhas infraestruturas que se van facer” para deixar a Siemens Gamesa sen argumentos para continuar coa deslocalización.

ERE

A proposta presentada polo Grupo Socialista incluía pedirlle ao goberno galego que lle esixa á dirección de Siemens – Gamesa “que retire o ERE as Somozas, que paralice o período de consultas e acepte a formación dunha mesa de traballo conxunta para darlle un futuro industrial á planta. Nesa mesa, dixo, deberan participar tanto a Xunta como o Goberno de España e os representantes dos traballadores e traballadoras.

Seco denunciou a “incapacidade de facer políticas eficaces durante 12 anos de caída do sector industrial en Galicia” por parte dun goberno galego que non fai valer as competencias en política industrial para frear a deslocalización da produción de palas para as eólicas, deixando en Galicia un modelo antigo en favor da planta portuguesa.

Sinalou que 300 familias da comarca están ao borde de perder o seu traballo mentres a Xunta e o PP “botan balóns fora” apuntando ás subastas eléctricas que “demostrouse que nada tiñan que ver”. Reclamoulle á Xunta que faga valer as “oportunidades que xorden en Galicia co aumento que teremos da potencia instalada, coa eólica mariña e os fondos que poden chegar de Europa para proxectos nos que o eólico ten unha adaptación excepcional”.