O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) acollerá o vindeiro luns a cuarta edición do Gastroforum, o foro formativo organizado pola Consellería de Cultura e Turismo que, co título Gastronomía con propósito, afondará este ano nas claves da xestión sustentable aplicada á gastronomía. Estas xornadas, abertas a estudantes e membros do sector, manteñen aberto o prazo de inscrición gratuíta e contará con recoñecidos profesionais en mesas de debate e obradoiros.
No cuarto Gastroforum citaranse representantes de diferentes restaurantes galegos avalados pola súa traxectoria como Iván Domínguez, do restaurante Nado; Sergio Musso e Paco Chicón do restaurante Eclectic; Diego López, de La Molinera; Javier Olleros, de Culler de Pau; Iria Espinosa de Árbore da Veira; Kike Piñeiro, de A Horta do Obradoiro; Marco Martínez, bar manager de Boanerges; Pepe Solla, de Casa Solla, Alberto Lareo; Miguel Fernández, de Morgana, ou Lucía Freitas, de A Tafona.
Tamén se contará coa presenza de profesionais do sector como o presidente do Clúster Alimentario de Galicia, Juan Vázquez; o delegado de Ecotur Galicia, Lucas Requejo; a responsable de márketing de Casa Grande de Xanceda, Jessica Rey; os editores da revista especializada La Alacena Roja, Martina Vicente e Alberto Traversa; o director de Cociñando na fin do mundo, Alberto Baamonde; o director de Onda Cero Galicia e colaborador do proxecto Cociñando a Paz, Ignacio Capeáns; a consultora e formadora en Xestión do Talento, Gloria Santamaría, ou a decana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Mª del Carmen Fernández.
Papel da muller
A xornada dará comezo o luns ás 10,15 horas co acto de inauguración ao que lle seguirá a mesa redonda Responsabilidade da cadea alimentaria. Desenvolvemento dun modelo de xestión sustentable para evitar a carestía de recursos. Celebrarase a continuación un obradoiro sobre a aplicación da creatividade para xestionar a biodiversidade e a xornada da mañá rematará coas mesas redondas A gastronomía cociña o cambio social e A evolución da hostalería cara un modelo horizontal.
Pola tarde terá lugar un obradoiro de cociña impartido pola chef Lucía Freitas, baixo o título A cociña das avoas, un legado de boas prácticas cara un modelo sustentable. O cuarto Gastroforum rematará cunha actividade retrospectiva sobre o papel da muller na cociña que incluirá unha homenaxe a Lucía Freitas, que vén de recibir a súa primeira Estrella Michelín e que este ano celebra o décimo aniversario do seu restaurante A Tafona.
A partir destes obradoiros e mesas redondas, esta nova edición do Gastroforum pretende promover así a importancia da gastronomía como un axente clave para a evolución do destino galego cara a excelencia, afondando na necesidade de levar a cabo un modelo de xestión sustentable dos recursos, sabendo actualizar a tradición culinaria.
A inscrición no cuarto Gastroforum é gratuíta, con aforo limitado. Os interesados en participar nas diferentes sesións poden cursar a súa solicitude a través da páxina web do Centro Superior de Hostelería de Galicia no seguinte enlace.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.