O Grupo Socialista esixe explicacións á Xunta logo de “marchar pola porta de atrás” do padroado de Sargadelos “só mes e medio despois de ter ingresado”

Noa Díaz afea a falla de transparencia do goberno galego e subliña que “tanto a ética como a estética” son importantes nas “accións de representantes e institucións públicas”

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de esixir explicacións á Xunta de Galicia, logo de “marchar pola porta de atrás” do padroado da Fundación Sargadelos “tan só un mes e medio despois de ter ingresado” e cando se anuncia a fichaxe de Eva Cárdenas. Fíxoo, hoxe no Pleno do Parlamento, nunha pregunta ao conselleiro de Cultura.

Díaz subliñou que “tanto a ética como a estética son importantes na vida, pero se cabe máis nas accións de representantes e institucións públicas”, co que instou ao goberno galego a explicar “se primaron os intereses particulares sobre os intereses xerais” cando “nesta ocasión o gran prexudicado” é “o noso patrimonio cultural”.

“Logo de todos estes anos de incerteza polo devir empresarial dun proxecto que é emblema do noso país, hai uns meses, o pasado 26 de outubro, o goberno galego anunciaba aos catro ventos a súa entrada no padroado da Fundación para, e cito textualmente, impulsar a súa marca como gran referencia cultural de Galicia e dar así un novo paso na reactivación do legado cultural de máximo nivel dunha das firmas máis simbólicas do país”.

Nesta liña, sinalou que entón “se aproveitou o anuncio para comunicar un ambicioso proxecto autonómico de reactivación do complexo de Cervo que sería recollido nunha folla de ruta na que a Xunta de Galicia estaría implicada”, proxecto que “xa dubidamos” que continúe.

“A sorpresa xurde cando o 9 de decembro, exactamente un mes e catorce días despois da entrada no padroado, coñecemos que a Xunta decidirá a súa saída”, aseverou a socialista, quen destacou que se coñeceu a nova “porque así o explicaban algúns xornais de pasada nas informacións sobre a fichaxe de Eva Cárdenas como asesora externa de Sargadelos”.

Por este motivo, Díaz pediu á Xunta aclarar “as verdadeiras razóns de marchar inexplicablemente” do padroado porque “a sociedade galega merece coñecer a verdade”.

“O curioso é que teñamos que traela a esta sesión parlamentaria. O máis lóxico sería que do mesmo xeito que a entrada do conselleiro e da Xunta de Galicia no padroado da Fundación Sargadelos se anunciaba nun acto público aos catro ventos, a saída tivese a mesma transcendencia”, sinalou a socialista.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM