A Consellería de Cultura e Turismo publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de dez bolsas de formación en proxectos de investigación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH). A convocatoria ten como obxectivo reforzar a investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua propia de Galicia, co fin de avanzar na súa normalización e promover o seu uso en todos os eidos profesionais e sociais.
En concreto, os proxectos para os que se convocan prazas son o Dicionario galego-italiano (Galita), Bibliografía da literatura galega, Corpus de referencia do galego actual (Corga), Cantigas de Santa María, Prosa literaria medieval, Terminoloxía científico-técnica, Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala, Proxecto Base de datos do Atlas Lingüístico Románico (ALIR) e Dicionarios de literatura. A duración das bolsas abranguerá do 1 de novembro de 2020 ao 31 de outubro de 2022, cunha retribución mensual de 990 euros.
As solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia desde mañá ao vindeiro 7 de setembro.
Máis de 500 investigadores en 26 anos
O Centro Ramón Piñeiro é un organismo dependente da Consellería de Cultura e Turismo que se encarga de impulsar e difundir proxectos de investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica centrados en Galicia. Actualmente, as súas liñas de traballo xiran arredor da lingüística aplicada, a literatura medieval, a recuperación de publicacións literarias ou a identidade colectiva desde o punto de vista antropolóxico. Desde a súa fundación, hai 26 anos, pasaron máis de 500 investigadores ou bolseiros que formaron parte dos diferentes proxectos de investigación impulsados desde o centro.
Do mesmo xeito, a Xunta de Galicia, no marco da súa aposta pola formación e excelencia, vén ofertando nos últimos anos un amplo abano de programas formativos en todas as súas áreas. Así, no caso da Consellería de Cultura e Turismo convócanse anualmente máis dun cento de prazas que permiten ampliar a formación e coñecementos nos ámbitos culturais e turísticos con estadías en bibliotecas, arquivos, oficinas de turismo ou universidades, entre outras.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.