O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega acordou incorporar ao Dicionario novas entradas e acepcións relacionadas co vocabulario da pandemia de coronavirus. Entre elas figuran as solucións gromo para denominar a aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar; e mais repunta para se referir á nova aparición de algo, especialmente dunha enfermidade epidémica nun lugar en que xa estaba controlada ou en vías de desaparición. A última actualización do Dicionario, visible dende hoxe, incorpora ademais outras voces científicas que irromperon na linguaxe cotiá por mor da pandemia como triaxe, gotícula, polimerase ou cápside.
A palabra gromo designa orixinalmente o pequeno vulto que lles sae aos vexetais no talo ou nas pólas e que se vai transformando en novas pólas, follas ou flores, tamén denominado en galego abrocho, bota, botón rebento ou xema. A recomendación da voz gromo para se referir á “primeira manifestación ou aparición de algo”, de forma xenérica, e especialmente á “aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar” realizouse tendo en conta non só a súa coincidencia coas principais motivacións semánticas das linguas románicas do contexto ibérico, que establecen un paralelismos entre a aparición de doenzas como a covid-19 co agromar das plantas; senón tamén pola súa clarísima galeguidade; por estar documentada no sentido botánico xa dende o século XIV; polo enorme uso literario e noutros textos de carácter culto dende o século XIX; pola gran vitalidade que segue a posuír na fala e polas facilidades que ofrece para ampliar, de ser necesario, a súa familia léxica. Esta conta xa co verbo agromar, cuxa entrada se enriquece coa acepción “manifestarse de forma repentina” cando se refire a unha doenza.
O coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González, explica con detalle as motivacións desta escolla na Tribuna de academia.gal, onde repasa as solucións doutras linguas románicas coma o portugués, o castelán, o catalán, o francés ou o italiano. O académico expón no mesmo artigo as razóns da solución repunta para se referir á nova aparición dunha enfermidade epidémica nun lugar en que xa estaba controlada ou en vías de desaparición. Ademais de incorporar este significado, na entrada de repunta mellorouse a redacción da acepción referida á subida ou aumento que experimenta un feito ou proceso. Repunta denomina tamén tradicionalmente o comezo da suba da marea e a punta ou cabo de terra máis saínte ca outros inmediatos.
A Real Academia Galega xa incorporou o pasado mes de maio ao seu Dicionario outras voces relacionadas coa pandemia como covid-19, coronavirus, desconfinamento ou desescalada. Desta volta entran tamén triaxe, gotícula, cápside, reservorio e polimerase, termo que saltou dos laboratorios á rúa pola xeneralización da técnica de reacción en cadea da polimerase (PCR, polas súas siglas en inglés) para diagnosticar o coronavirus. Complétanse ademais as entradas de letalidade e mortalidade coas expresións taxa de letalidade e taxa de mortalidade; e engádense outros termos do vocabulario médico como antitusivo ou antitusíxeno, axeusia, hipoxeusia ou frotis.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.