O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Decreto polo que se regulan a composición e as funcións da Comisión Interdepartamental en Materia de Educación e Saúde. Trátase dun órgano previsto na Lei de Saúde que ten encomendado o desenvolvemento de iniciativas de promoción, protección e educación para a saúde, así como a coordinación das consellerías de Sanidade e de Educación, Universidades e Formación Profesional neste eido.
No relativo á composición da Comisión Interdepartamental, deberá contar cunha presenza paritaria tanto de mulleres e homes e como das consellerías con competencia en materia educativa e sanitaria.
Entre as funcións da Comisión estará a coordinación dos recursos existentes para acadar unha maior eficiencia na promoción da saúde no ámbito educativo ou a coordinación das intervencións relacionadas coa protección da saúde, en particular, as orientadas á seguridade alimentaria e á protección fronte aos riscos ambientais.
A promoción da saúde e a realización de programas para a atención do alumnado con necesidades especiais son aspectos fundamentais na actuación deste órgano, que ten unha consecuencia directa no profesorado, no alumnado e nos pais e nais dos estudantes.
O decreto marca tamén as liñas de actuación da comisión como a coordinación de recursos para a promoción da saúde nos centros educativos mediante intervencións relacionadas coa saúde sexual e reprodutiva, a saúde mental, os hábitos de vida saudables e a prevención das distintas adiccións.
Ademais establece a coordinación e traballo conxunto en programas relacionados co alumnado con necesidades especiais de saúde, no que se refire as enfermidades crónicas, a saúde mental, os trastornos de conduta alimentaria, os trastornos do espectro autista e outras enfermidades que impliquen dificultades de aprendizaxe.
O decreto establece que a Comisión Interdepartamental constituirase no prazo de tres meses dende a entrada en vigor do mesmo.
A creación desta comisión é unha das novidades previstas na Lei de Saúde e o inicio da tramitación deste decreto -que regula a súa composición e funcionamento- dá cumprimento ao que se indica nesta Lei 1/2018, de 2 de abril, pola que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia. A Lei aborda no seu título XI a creación da Comisión atendendo aos principios de eficacia, eficiencia e participación, e especifica en tres artigos a finalidade, composición e funcións.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.