O futuro Consello Asesor do Museo de Pontevedra estará formado por sete persoas alleas á Deputación de Pontevedra, de relevancia no mundo cultural, académico ou profesional e relacionadas co ámbito de actuación da institución museística provincial. Estas e estes vogais terán un perfil “absolutamente técnico” e serán nomeadas por un prazo de catro anos a proposta da Dirección do Museo, co fin de desenvolver o proxecto desta última de forma construtiva, achegando propostas e ideas para a mellora da xestión interna, externa e de comunicación.
Segundo explicou o vicepresidente, César Mosquera, tras o período de consultas iniciado no anterior mandato –no que apenas se realizaron achegas externas– decidiuse escoller o Consello Asesor como fórmula administrativa de xestión para o Museo por ser a máis lixeira, áxil e totalmente técnica, sen a necesidade de aumentar estruturas ríxidas.
Sobre esa base elaborouse unha proposta de regulamento que será levada este venres a comisión informativa, e posteriormente será aprobada no Pleno, exposta ao público durante 20 días hábiles e aprobada definitivamente logo de resolver as posibles alegacións. A intención é que o Consello Asesor estea constituído a finais de ano.
A conformación da equipa asesora “de recoñecida solvencia e cualificación” no eido cultural e museístico realizarase a través dun procedemento de selección e renovación áxil co fin de que non se perpetúe: as persoas integrantes do Consello serán nomeadas a proposta da Dirección do Museo por un período de catro anos.
O vicepresidente Mosquera destacou a importancia de que as e os integrantes do Consello Asesor teñan os parabéns das e dos directores vixentes en cada momento, lembrando que para a selección da Dirección púxose como condición a presentación dun proxecto e a súa avaliación mediante memorias. “É lóxico darlle á dirección a posibilidade de que propoña xente para levar adiante a súa proposta (…). Se incluímos xente que queira ir por outro lado camiñaríase cara a dirección contraria e non cumpriría”, abondou.
Mosquera destacou que ten total esperanza en que esta fórmula de xestión baseada en asesoramento de profesionais de perfil cualificado “vai funcionar”. Destacou que buscouse fuxir da reprodución de órganos anteriores nos que a presenza política era obrigada e maioritaria e, por tanto, inoperativa. Lembrou que na época do Museo como organismo autónomo había un consello asesor formado por representantes de institucións e un consello de dirección con políticos que reproducía as comisións informativas da Deputación e o Pleno.
A parte política do novo Consello Asesor do Museo limitarase agora á Presidencia, ostentada pola presidenta ou presidente da Corporación provincial, que delegará no deputado ou deputada nas competencias respecto ao Museo. Outros integrantes no novo organismo asesor serán, seguindo o perfil técnico, o secretario ou secretaria da Deputación, e as persoas que lideren a Dirección e a Xefatura de Xestión do Museo –como vogais–.
As sesión ordinarias do Consello celebraranse como mínimo cada seis meses, sen prexuízo das reunións extraordinarias a convocar para debater temas concretos. Tamén se poderán convidar persoas especialistas ou expertas no caso de que se considere necesaria a súa participación para informar ou asesorar sobre algún aspecto incluído na orde do día da sesión.
O director do Museo, Xosé Manuel Rey, manifestou estar satisfeito coa creación do Consello Asesor xa que, segundo destacou, esta figura “suma unha visión compartida e plural do Museo”. Indicou que un dos maiores retos dos museos no século XXI é a participación social e “o Consello Asesor é a ferramenta axeitada para acadalo, para incorporar esa bagaxe profesional externa á xestión do Museo”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.