O concello de Campo Lameiro inaugura nova web e incorpora o portal “Campo Lameiro de todo para tod@s” para revitaliza-la economía local fronte a crise do covid-19

Esta nova ferramenta dixital pretende ser un escaparate interactivo de comercios e servizos existentes no municipio así como unha xanela aberta ao turismo na zona
Publicado por o día 30/07/2020 na sección de Galicia

O concello de Campo Lameiro inaugura nova web e incorpora o portal “Campo Lameiro de todo para tod@s” para revitaliza-la economía local fronte a crise do covid-19

O Concello de Campo Lameiro acaba de presentar a súa nova páxina web (www.campolameiro.com) na que se incorpora o portal “Campo Lameiro de Todo para Tod@s”, unha ferramenta dixital para revitaliza-la economía local fronte a crise derivada do Covid-19. Esta iniciativa, coordinada pola Axente de Emprego e Desenvolvemento Local, Almudena Pérez Fernández, e membros do equipo de goberno.

Esta iniciativa ligada á nova páxina web pretende converterse nun escaparate interactivo virtual de comercios e servizos existentes no municipio e concienciar á cidadanía de Campo Lameiro da necesidade de mercar, consumir e recurrir para calquera servizo ao amplio elenco de establecementos comerciais e profesionais dos distintos sectores que prestan os seus servizos no municipio.

A fase inaugural conta con máis de 24 establecementos comerciais que irán ampliándose a medida  que vaian solicitando a súa inclusión os distintos profesionais e empresas que enchan o formulario online que está a disposición de todo o mundo no mesmo portal da nova páxina web.

Para incorporarse a este portal, o Concello remitiu unha carta por correo postal e electrónico aos distintos establecementos, autónomos e negocios dos que ten constancia en Campo Lameiro para convidalos a participar nesta iniciativa. Todos aqueles que non o fixeran ata agora e queiran incorporarse poden facelo enchendo a ficha de inscrición online existente no portal ou dirixirse ao propio Concello onde lle facilitarán o impreso coas autorizacións correspondentes.

Fichas interactivas con vídeos, fotografías, promoción de produtos e xeolocalización

Segundo o alcalde Carlos Costa, “pretendemos que esta iniciativa sirva de escaparate interactivo virtual onde calquera veciño ou veciña de Campo Lameiro poida satisfacer calquera necesidade, prácticamente sen saír da casa e, por suposto, do municipio en calquera sector. Para elo fixemos unhas fichas interactivas moi dinámicas con pequenos vídeos, fotografías de produtos e servizos e, lóxicamente, un sistema de xeolocalización para facilitar o seu acceso, teléfono, pedidos por wasap e facebook, etc. Queremos converter a Campo Lameiro nunha grande referencia comercial e de servizos para os nosos veciños e os da contorna”.

“En definitiva, queremos que os nosos comerciantes, empresas, autónomos e emprendedores sexan protagonistas deste portal que pretende visibilizar o noso potencial e a nosa fortaleza para saír adiante. En resumo, queremos explicarlle á xente que en Campo Lameiro temos de todo e para tod@s”, concluíu Carlos Costa.