O Bloque Nacionalista Galego expresou esta mañá o seu rexeitamento a que se financie con recursos públicos a instalación de símbolos relixiosos na cidade, como é o caso do proxecto dunha macroescultura do Sagrado Corazón de Xesús na capela da Guía.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, mantivo canda o responsábel local da fronte nacionalista, Serafín Otero, un encontro con representantes do colectivo ‘Vigo Antifascista’, no que entre outros asuntos abordaron esta cuestión.
Ao remate da xuntanza, en rolda de prensa, Igrexas expresou a súa discordancia con que se vaian destinar preto de 107 mil euros, financiados por Deputación de Pontevedra e Concello de Vigo, á instalación “dun Sagrado Corazón de Xesús de 7 toneladas e a súa iluminación”. O Goberno municipal subscribiu ao efecto un convenio co Bispado o pasado 30 de decembro.
O portavoz municipal nacionalista subliñou o principio democrático de aconfesionaldiade das administracións públicas, e expresou que “para o BNG, desde unha visión laica e radicalmente democrática, ese principio é incompatíbel con destinar diñeiro público a este tipo de actuacións”. O edil salientou ademais que este proxecto xa recibiu as críticas de diferentes colectivos como Europa Laica, a Asemblea Republicana de Vigo ou o propio Vigo Antifascista. Críticas que tamén inciden no significado histórico da figura do Sagrado Corazón pola súa utilización polo réxime nacional-católico da ditadura franquista no seu proceso de imposición da fe relixiosa.
“No BNG estamos certos e certas de que o barrio de Teis ten necesidades moito máis urxentes e importantes que unha escultura xigante coroando unha capela”, acrecentou Igrexas. En relación a isto, chamou “desde o profundo respeito” a que o bispado reflexione sobre “se neste contexto de dura crise social con moitas familias empobrecidas a prioridade da súa comunidade relixiosa é destinar 100 mil euros a isto”.
A fronte nacionalista criticou ademais que o Goberno municipal disfrace este financiamento como “conservación” do patrimonio cultural de titularidade eclesiástica, ao se tratar dunha obra ex novo. “Non hai nada que conservar, o que vai facer Abel Caballero é que todos os vigueses e viguesas, católicas ou non, crentes ou non, paguemos a instalación dun símbolo relixioso de case 5 metros de altura e 7 toneladas de peso”, reprochan.
En todo caso, o BNG advertiu de que exercerá a súa acción fiscalizadora para comprobar a execución do proxecto conveniado se axusta á “máis estrita legalidade”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.