O Bloque Nacionalista Galego demandará no derradeiro Pleno municipal do ano reverter o desmantelamento da política xuvenil do Concello de Vigo. Así se recolle na moción que esta mañá presentou publicamente o concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas.
“Vivimos nunha cidade na que o alcalde presume todos os días de acender moitas luces, pero a mocidade de Vigo padece un verdadeiro apagón”, resumiu Igrexas. O portavoz municipal nacionalista denunciou o “permanente demantelamento” que sofreu nos últimos anos a política xuvenil do Concello. “En 2014 desapareceu un programa pioneiro como era o Súbete ó Castro, que deu lugar a iniciativas tan importantes como os Castroconcertos ou a Liga de improvisación teatral. En 2017 fecharon o Punto Xove que ofrecía actividades de lecer alternativo no centro da cidade, e reduciron ao mínimo os servizos da Casa da Xuventude. E desde marzo deste ano, coa coartada da pandemia, está pechado tamén o VigoSónico e sen data de reapertura”, explicou.
A respeito de VigoSónico, Igrexas, subliñou a importancia deste espazo deseñado para apoiar e potenciar a creatividade da mocidade viguesa e e que ofrecía servizos como locais de ensaio, estudo de gravación ou formación musical dos que facían uso decenas de grupos musicais de xente nova da cidade. Un proxecto que, lembrou, foi impulsado polo BNG desde a concellaría de Xuventude e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta bipartita. O pasado mes de novembro a Xunta de Goberno Local decidía non formalizar o contrato de adxudicación para a xestión de VigoSónico o que na práctica supón o seu feche sine die.
Desde o Bloque lamentan que a cidade de Vigo pasase de ser unha referencia a nivel galego en política xuvenil para se situar á cola das restantes cidades. “O Goberno de Abel Caballero fixo retroceder a cidade dúas décadas en políticas para a mocidade”, remarca Igrexas.
A moción nacionalista insta a reapertura inmediata do VigoSónico “coas máximas condicións de seguranza” fronte á Covid19, pero tamén demanda a recuperacións dos espazos e programas xuvenís clausurados nos últimos seis anos. Aliás, propoñen a constitución do Consello Municipal da Xuventude para que as mozas viguesas participen de maneira directa no deseño da política xuvenil do Concello.
Na iniciativa piden ademais o despregamento de programas municipais destinados á mocidade en materias como emprego ou acceso á vivenda.
Nado en Vigo hai 38 anos. Fotógrafo, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.