O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as datas para a realización dos exames ordinarios teóricos e prácticos para obter os títulos que permiten manexar embarcacións de lecer e motos náuticas en Galicia. As titulacións para as que se convocan os exames son patrón para a navegación básica, patrón de embarcación de lecer, patrón de iate, capitán de iate e patrón de motos náuticas A e B. Para optar a elas realizaranse exames teóricos e prácticos nos centros oficiais de ensino pesqueiro da Consellería do Mar.
No caso de patrón para a navegación básica, os exames teóricos realizaranse o 21 de maio e o 10 de setembro; as probas teóricas de patrón de embarcación de lecer serán o 22 de maio e o 11 de setembro; e as de patrón de iate realizarase os días 23 de maio e 12 de setembro. Os exames prácticos destas tres titulacións realizaranse o 25 de maio e o 14 de setembro e todas estas probas terán lugar no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e nas Escolas Oficiais Náutico-Pesqueiras de Ferrol e Ribeira.
No que respecta aos exames de capitán de iate, o teórico realizarase o 24 de maio e o 13 de setembro, e o práctico terá lugar o 25 de maio e o 14 de setembro. Os exames teórico e práctico de patrón de moto náutica A e B serán o 25 de maio, nunha única convocatoria. Estas probas de capitán de iate e de patrón de moto náutica A e B realizaranse no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.
As persoas interesadas en presentarse aos exames teóricos e prácticos deberán solicitar a súa admisión mediante unha solicitude dirixida ao centro oficial de ensino pesqueiro onde realizará o exame. O modelo de solicitude figura como anexo I da resolución que publica hoxe o DOG. Ademais na resolución poderán consultar os requisitos necesarios e a documentación complementaria que debe presentar coa solicitude. Para a convocatoria de maio poderán inscribirse do 2 de abril ao 20 de abril, ambos incluídos, e para a de setembro o período de matrícula é do 20 de xullo ao 10 de agosto, ambos incluídos.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes aos exames, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro nomeará os tribunais para a realización das probas, e indicará as horas dos exames no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar.
A continuación adxúntanse as datas dos exames e os centros onde se efectuarán, tanto na súa convocatoria de maio coma na de setembro. Cabe recordar que, no caso de patrón de moto náutica A ou B, non hai convocatoria de setembro.
Convocatoria de maio de 2018
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.