A pegada de carbono anual da Universidade de Vigo é de 27.081 toneladas de CO2 equivalente, o que se traduce en 11925 toneladas CO2 eq/persoa. Esta é unha medida de impacto ambiental que estuda as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, medidas en kg de CO2 equivalente e que a Oficina de Medio Ambiente vén empregando dende 2002 para a avaliar o impacto das actividades da institución no medio ambiente. Segundo o último informe publicado, que analiza os datos de 2018, e como vén sucedendo dende que se teñen datos, a mobilidade dos membros da comunidade universitaria segue a ser a principal actividade xeradora de CO2, sendo responsable do 57% do total. Así, a mobilidade no campus de Vigo produce 19.196 t CO2 eq (un 70,9 % das emisións totais do campus) e no campus de Pontevedra, 3989 t CO2 eq (un 0,88 % das emisións dese campus), contrastando cos resultados obtidos para o campus Ourense con 3896 t CO2 eq (un 0,78 % das emisións totais deste campus).
No que se refire ás cifras por campus, Vigo produciu 19.196 t CO2 eq (o 70,9 % do total das emisións da Universidade), mentres que o campus de Pontevedra só emitiu 3989 t CO2 eq e o campus de Ourense 3896 t CO2 eq. O principal motivo desta diferenza entre os tres campus é que o campus de Vigo alberga aproximadamente o 57,89 % das persoas da Universidade e ten un marcado perfil científico-técnico, con disciplinas técnicas e científicas e diversos centros de investigación de alto impacto (Cinbio, Cacti, MTI…). Este tipo de instalacións implican un maior gasto de recursos e xeración de residuos que outras disciplinas do ámbito das Ciencias Sociais.
Fontes de emisión
Por detrás da mobilidade, que foi a responsable do 56,7% do total das emisións da Universidade, outro 16,72% das emisións están asociadas ao consumo de enerxía eléctrica. Este valor varía moito en función do campus, xa que en tanto que no campus de Vigo o consumo de enerxía eléctrica produce o 17% das emisións totais e no campus de Ourense o 20%, no campus de Pontevedra soamente representa o 11%.
Cunha cifra moi semellante no que a emisións se refire (15% do total) sitúase a construción. No campus de Vigo e no de Pontevedra este valor é de 13% e 16% respectivamente, en tanto que no de Ourense aumenta a un 22% das emisións totais. O consumo de gasóleo C é tamén un factor importante no cómputo global, xa que representa o 6% do total das emisións. No campus de Vigo o consumo de gasóleo C corresponde ao 6% das emisións, e no de Ourense ao 13%. Mentres, no campus de Pontevedra elimináronse por completo as posibles emisións derivadas de gasóleo, xa que foron substitución ou adaptadas tódalas caldeiras a outras que consomen gas natural. O 1 % restante das emisións están asociadas ao consumo de papel, á xestión dos residuos, ao consumo de auga e ao consumo de gas natural.
Evolución histórica
No ano 2018 a Universidade de Vigo emitiu á atmosfera de 27.081 toneladas de CO2, o que representa unha pegada de carbono de 1,19 toneladas de CO2 eq/persoa. Esta cifra é superior á de anos anteriores, nos que viña producindo unha diminución continuada das emisións anuais: 0,97 toneladas de CO2 eq/persoa en 2006 e 0,95 en 2017, por exemplo. Con todo, e a pesar desta senda de redución das emisións por persoa dentro da Universidade, o resultado total da pegada de carbono incrementouse no ano 2017 e volveu incrementarse no 2018. Este aumento é consecuencia, por unha banda, do crecemento da Universidade de Vigo coa posta en marcha de novas instalacións (Cacti, Cinbio e MTI) e, por outra, da redución de número de persoas que forman parte da comunidade universitaria. A isto hi que sumar, como destacan dende a OMA, que no ano 2016 produciuse unha actualización moi importante dos factores de emisión empregados, un cambio metodolóxico que implica unha variación nos resultados que tende a aumentar as emisións de CO2 asociadas ás diferentes variables.
9091 hectáreas globais equivalentes de pegada ecolóxica total
A pegada ecolóxica da Universidade de Vigo no período analizado de 2018 foi de 9091 hectáreas globais equivalentes. Tendo en conta que o número de persoas da universidade de Vigo no ano 2018 foi de 22.710, obtívose un resultado final de 0,40 gha/persoa. Tendo en conta as 79 hectáreas de bosque que conforman os campus, estimouse que para o ano 2018 a biocapacidade de absorción de CO2 dos bosques na UVigo foi de 342 gha (capacidade de fixación de CO2 para o bosque galego: 4,33 t CO2 eq/ha/ano; USC Herva, M. 2011), o que significa un déficit de 0,015 gha/persoa. O feito de que exista unha grande extensión arborada e vexetal no campus principal de Vigo é moi beneficioso, xa que actúa como sumidoiro das emisións de CO2.
Propostas para reducir ou compensar as emisións
Para facer fronte a estas cifras de emisións de gases de efecto invernadoiro, a Universidade traballa en dous planos: por unha banda, a redución das emisións e, por outra, a mitigación dos seus efectos. A aposta polas enerxías renovables nos tres campus permitiu priorizar as instalacións solares térmicas, fotovoltaicas, de xeotermia ou as caldeiras de biomasa e o gas natural. Esta liña de traballo estase a continuar na actualidade, e o equipo de goberno está de levar a cabo unha importante actuación de eficiencia enerxética mediante o deseño e implantación dunha rede de calor xeotérmica en varios edificio de Ourense; unha rede de calor mediante o emprego de biomasa en Pontevedra e varias actuacións en Vigo que comprenden a instalación de penais fotovoltaicos e bombas de calor que substitúen ás caldeiras. A estas medidas súmanse outras para mellorar o illamento térmico e o cambio das luminarias por outras de tecnoloxía LED, de menor consumo e maior vida útil.
Tamén se segue a apostar polos programas de coche compartido e o circular en Vigo, o Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo (Gruvi), que no ano 2018 recuperou máis de 167 equipos informáticos e compoñentes, que se repartiron entre institucións con fins sociais. Tamén se procedeu á plantación de árbores e arbustos para a restauración e mellora ambiental nos distintos centros, así como para compensar as emisións de CO2.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.