Lindano: outra herdanza tóxica do franquismo que ninguén parece querer solucionar

Os residuos do lindano, un pesticida canceríxeno fabricado por Zeltia nos anos 50 e 60 no Porriño seguen a ser un problema 60 anos despois. Arestora descoñécense todos os lugares de vertedura e mesmo áreas “tratadas” e “encapsuladas” a principios de 2000 carecen de mantemento e hai fugas.

Despois que en 2017 apareceran cantidades elevadas de lindano nas traídas veciñais da parroquia de Torneiros (lugar de Pereira-O Contrasto, O Porriño), unha investigación analítica confirmou non só a existencia de contaminación por lindano en pozos e augas superficiais, senón tamén a presenza de cantidades indeterminadas de residuos deste tóxico nunha área na que non se tiña constancia oficial de verteduras.
Este problema xa que logo non é puntual, como inicialmente defendeu a Xunta nin se cinguía ao polígono indiustrial no que operaron as empresas químicas. Veciñanza e ecoloxistas denunciamos en repetidas ocasións que por toda a área augas abaixo do Louro e mesmo no veciño concello de Mos (parroquias de Cela, Sanguiñeda e Pereiras) existía unha alta probabilidade de contaminación por lindano, por canto estes resíduos usáronse profusamente como recheo, afirmado pistas e mesmo abono para leiras!

Pozos, fontes, regatos, charcas e terras contaminadas

Dende que en 1992 apareceu a contaminación por lindano no Porriño, tiveron que pasar 25 anos para que a Xunta encargara unha investigación nesta área de Pereira-O Contrasto cuxos resultados, aos que tivo acceso ADEGA, non só confirmaron a importante magnitude e extensión da contaminación, senón que apontan á posíbel ineficacia do encapsulado in situ ao que se someteu a “zona cero” xa nos anos 2000.

Con respeito ás mostras de auga, máis da metade dos pozos, fontes, regatos e charcas mostradas (19 de 33) amosan contaminación por lindano, e polo que atinxe ás terras e solos, moitos deles (22 de 27 mostras) presentan contaminación por lindano superando os límites legais, e nalgúns casos con elevadas concentracións e alta pureza.
Estes preocupantes resultados permiten concluir que estamos perante un “pico de iceberg” de contaminación por lindano nunha área moito maior da inicialmente estimada pola Xunta, e que a veciñanza da parroquia de Torneiros no Porriño, e probabelmente tamén doutros lugares augas abaixo no veciño concello de Mos, segue exposta a este perigoso tóxico.

O encapsulado realizado na década pasada non é seguro

Outra preocupante conclusión deste estudo aponta a que os refugallos de lindano (uns 150.000 m3) que foron encapsulados in situ nos primeiros anos de 2000 na zona denominada “polígono cicloturista”, poden estar deitando contaminantes ao medio. Ao parecer, detectáronse zonas nas que o selado non ten o espesor proxectado nen atinxe a toda a área contaminada.
Tamén constatouse que a sinalización é deficiente, o valado perimetral está ausente en diversos puntos, as canles de recollida das escorrentías carecen de mantemento e mesmo a vexetación arbórea do “parque” moi probabelmente furou xa a capa impermeábel.
Resulta preocupante que a consultora que elaborou o estudo non puidera acceder a información documental sobre as características concretas dos materiais empregados para o selado, observando que nalgúns lugares nos que estes materiais están á vista !? aparece un plástico de ensilado que non realiza correctamente as funcións de impermeabilización…

A irresponsabilidade da empresa e as chafalladas da Xunta

O “Defensor del Pueblo” ao que acudíu a veciñanza afectada concluíu en 2019 que malia á que a administración coñecía a contaminación do solo e augas dende 1992, “aínda non resolveu o problema”. No seu informe, a oficina do “Defensor” indicaba que a Consellaría debería inciar a declaración de solos contaminados para a zona de Contrasto. E para o antigo polígono de Torneiros, declarado solo contaminado en 2001, pide á Xunta que modifique esa declaración para “identificar a los responsables de la descontaminación, determinar las actuaciones de recuperación y fijar plazos de cumplimiento”.

Pasaron mís de 60 anos dende que Zeltia inzara a comarca de residuos canceríxenos e marchara logo “de rositas”: cousas do franquismo. Mais dende que en 1992 se ten coñecemento da contaminación por lindano, ben pouco se ten feito ao respeito: en 2020 a xente segue a viver sobre os refugallos tóxicos, cultivando as leiras cos residuos de lindano, bebendo a auga contaminada e mesmo morando nos edificios construídos con materiais tóxicos e situados sobre os antigos vertedoiros.
A Xunta mesmo podería estar a incorrer nunha infracción moi grave ao non realizar as operacións de limpeza, mantemento e recuperación daqueles solos que declarou contaminados e que ao parecer, por fugas, falla de mantemento e materiais inapropiados, hoxe distan moito de estar corretamente “encapsulados”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM