A portavoz de Comercio do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamoulle hoxe á Xunta axudas directas para apoiar ao pequeno e mediano comercio fronte á crise do coronavirus. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento fronte a unhas medidas “totalmente insuficientes e mesmo ínfimas para os 30.000 comerciantes rexistrados na nosa Comunidade Autónoma”.
A responsable socialista levou á Cámara autonómica as demandas dos comerciantes galegos, que están a protestar porque “as axudas da Xunta de Galicia chegan tarde e son insuficientes, mesmo para cubrir os gastos fixos mensuais”. Advertiu que, de acordo coa Federación Galega do Comercio, entre o 20 e o 25 por cento dos negocios poderían pechar ao longo de 2021, “especialmente cando teñan que devolver as axudas concedidas”.
Os socialistas galegos reclamaron así axudas directas fronte aos “escasos recursos” postos sobre a mesa polo goberno galego, que só aumentou a partida para comercio en 7 millóns de euros dunhas contas que ascenden aos 11.500 millóns. Considera “inexplicable” a falla de apoio do goberno galego cando conta cos orzamentos máis expansivos da historia grazas ás axudas do Estado e a UE.
A responsable socialista explicou que “a metade das baixas dos autónomos son do comercio”, mentres o goberno galego decreta máis restricións que no van acompañadas de apoio económico para os sectores afectados.
Sinala que “son as administracións locais as que están promovendo actuacións enfocadas á dinamización do sector co fin de incrementar o consumo e xerar emprego nos seus concellos”. Son os concellos, sinalou, os que están intentando aliviar a “situación crítica” do sector mentres o goberno da Xunta amosa unha “despreocupación total” polos comerciantes, eludindo as súas competencias exclusivas en materia de comercio interior, de acordo co Estatuto de Autonomía.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.