Gonzalo Caballero propón un reforzo de persoal para o plan de vacinación e demanda “explicacións” sobre as “irregularidades” no proceso de vacinación do Hospital de Pontevedra

O líder dos socialistas galegos pide a comparecencia do conselleiro de Sanidade, logo de que saíse á luz que foron vacinadas 17 persoas “fóra de protocolo” e “de forma irregular” en Pontevedra

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, vén de propoñer á Xunta que reforce o persoal sanitario para o plan de vacinación para “usar de inmediato todas as vacinas dispoñibles”, “perfeccionar o sistema de telemedicina” e “evitar reprogramacións e retrasos nas intervencións xa programadas”. Fíxoo tras manter unha xuntanza coa alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, no municipio lugués.

“Propoñemos á Xunta que implemente un plan de fortalecemento do persoal sanitario no sistema público de saúde para que as vacinas que cheguen a Galicia sexan usadas coa maior celeridade posible e que non queden nos conxeladores do SERGAS nin un só día”, aseverou o socialista.

Caballero pediu “empregar todas as vaciñas dispoñibles” para “protexer á xente”, xa que “a vacina é a maior garantía para loitar contra o virus” e “a esperanza para saír adiante cunha sociedade máis fortalecida contra o virus”.

Ademais, o líder dos socialistas galegos requiriu a comparecencia do conselleiro de Sanidade “para explicar as irregularidades no proceso de vacinación no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP)”, logo de que saíse á luz que foron vacinadas 17 persoas “fóra de protocolo” e “de forma irregular”.

“Os responsables sanitarios están evitando explicar o que aconteceu no CHUP”, ante o que “hai unha nebulosa”, incidiu o socialista. Caballero esixiu que se cumpran os protocolos establecidos “de acordo ás normas” e “que non haxa discriminacións”.

PROGRAMA DE RESCATE A HOSTALERÍA E TURISMO

En paralelo, o responsable dos socialistas galegos destacou que, “dúas horas despois” de que o PSdeG propuxese no Parlamento ante o Clúster de Turismo “un plan de rescate para turismo e hostalería” que incremente en 62 millóns de euros as partidas previstas nos orzamentos da Xunta, o goberno galego anunciou que ía “incrementar en 50 millóns de euros os fondos” para estes sectores.

Malia que agradeceu que a Xunta “reaccione e empece a tomar medidas”, Caballero pediu “administrar axilmente” as axudas e “seguir ampliándoas” para “respaldar” a estes sectores.

DEMANDAS DE VILALBA Á XUNTA

En canto ás cuestións locais, o líder dos socialistas galegos criticou que nos orzamentos da Xunta “non haxa un só euro dedicado a inversión directa en Vilalba”. Así, respaldou as demandas da alcaldesa Elba Veleiro, como o centro de día, a mellora da estrada de LU-119, así como “un compromiso claro coas máis de 100 persoas que se dedican ao Servizo de Axuda no Fogar” en Vilalba.

Pola súa banda, a rexedora de Vilalba, Elba Veleiro, urxiu á Xunta de Galicia a que “exista sensibilidade” no goberno galego para acoller as peticións de Vilalba nos orzamentos, cando “é prioridade”, por exemplo, un centro de día, xa que a veciñanza “ten que desprazarse a concellos limítrofes para recibir un servizo indispensable”.

Ademais, pediu un “aval económico” e “orzamentos específicos” para o Servizo de Axuda no Fogar, “indispensable” a máis de 300 familias nun concello “gran dispersión” e “cunha media de idade moi avanzada”.

O líder do PSdeG mantivo tamén este venres unha xuntanza co alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, para abordar as necesidades do seu concello.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM