Gonzalo Caballero propón á Xunta melloras nas infraestruturas de Valdeorras e compromiso co hospital e o polígono

O líder socialista urxe á Xunta axudas para que a hostalería, o comercio e os autónomos poidan “resistir” ante o “peche encuberto” e reclama máis fondos para a loita contra a covid dende os concellos

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo este martes unha xuntanza co alcalde do Barco, Alfredo García, no marco dunha visita a Valdeorras. Dende alí, o líder socialista reclamou á Xunta melloras nas infraestruturas da bisbarra, así como compromiso co seu hospital e co polígono industrial.

“A Xunta ten que ter en conta a Valdeorras”, incidiu Gonzalo Caballero, e referiuse ás necesarias melloras na OU-533, a estrada que Valdeorras con Viana e Trives, e na OU-603, así como á atención aos servizos públicos e á xeración de emprego.

“Hai que reclamar todo o que necesita Valdeorras”, subliñou o dirixente do PSdeG, consciente de que esta bisbarra representa “a Galicia interior”. “E hai que darlle posibilidades para que a xente poida vivir nela”, apostilou.

Neste senso, Gonzalo Caballero puxo en valor as actuacións do goberno de España para “modernizar a mobilidade” da comarca coas obras de circunvalación do Barco ou a “aposta pola cultura” coa recuperación do BIC Torre do Castro. “Os socialistas temos o compromiso de levar a axenda de prioridades de Valdeorras á mesa da Xunta e do goberno de España”, destacou.

Pola súa banda, o alcalde do Barco agradeceu a visita do secretario xeral do PSdeG para abordar “os problemas de Valdeorras”.

“As nosas peticións son fundamentais para o desenvolvemento da comarca, pero tamén de Galicia”, asegurou Alfredo García, toda vez que “somos unha das bisbarras máis importantes”. “E non podemos quedar abandonados”, finalizou.

TERCEIRA ONDA DA COVID

Por outra parte, en relación coa terceira vaga da covid, Gonzalo Caballero amosou a súa “preocupación” ante o aumento no número de contaxios e da presión asistencial, polo que chamou a “manter toda a prudencia” e a “non relaxarnos”.

Ademais, reclamou “celeridade” á hora de poñer as vacinas e actuar “con responsabilidade” ante os niveis “crecentes” de restricións. Ao fío diso, rexeitou “debates gratuítos” porque “non é momento para discusións” senón para tomar “medidas ponderadas” e para acompañalas de axudas aos sectores “máis afectados”.

“O importante é gañar a batalla ao virus”, remarcou o dirixente socialista, antes de garantir “seriedade e responsabilidade” por parte do PSdeG. “As autoridades sanitarias son as que teñen que marcar as normas para protexernos”, engadiu.

No que atinxe ás axudas, Gonzalo Caballero requiriu á Xunta que garanta que sectores como a hostalería, o comercio ou os autónomos en xeral poidan “resistir” ante o que é “un peche encuberto” dos negocios. Precisamente por iso, criticou o voto en contra do PP a unha emenda socialista para aumentar en 62 millóns de euros os fondos para as axudas directas.

APOSTA POLOS CONCELLOS

Do mesmo xeito, reprobou que o PP de Feijóo se negara a ampliar en 100 millóns de euros a partida destinada aos concellos, que son “as administracións máis pegadas ás necesidades da xente” e as que están asumindo os costes do que “non fai” a Xunta en materia de limpeza e desinfección ou de política social.

“Disto saímos se traballamos todos xuntos, con responsabilidade e cooperación”, sinalou, para sinalar que “non é de recibo” que a Xunta “recorte” aos concellos no canto de “cooperar” con eles. Máxime, agregou, cando o goberno galego vén de recibir máis de 1.100 millóns de euros extra por parte do goberno de España.

Pola súa banda, o alcalde do Barco, Alfredo García, chamou tamén a “non perder o tempo discutindo” porque “o inimigo é o virus” e “temos que loitar entre todos para deixalo atrás”. Ademais, esixiu “apoio aos concellos” para financiar os servizos que prestan aos veciños.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM