Galiza perdeu no mes de xaneiro un total de 9.823 persoas afiliadas á Seguridade Social

O acusado descenso de afiliación constata a perda de ocupación e de poboación activa

O mes de xaneiro rematou en Galiza cun total de 185.984 persoas desempregadas, 18.229 máis (+10,87%), que en xaneiro do ano paso, sen contar as persoas atinxidas por ERTEs que non se computan. Aínda que segundo os datos de paro rexistrado habería 3.603 persoas desempregadas menos que no mes de decembro, hai o cuádruplo de perda de afiliación -9.823 persoas afiliadas menos- que de redución de paro.

Para a CIG estes datos tan aparentemente contraditorios explicaríanse pola alarmante perda de ocupación e a grave caída da poboación activa, que en Galiza afectou fundamentalmente ás mulleres. “Diante desta situación consta que moitas mulleres abandonaron o mercado de traballo e no canto de rexistrarse como desempregadas pasaron a figurar como inactivas e encadradas baixo o epígrafe Labores do Fogar cando, moito nos tememos que diante das actuais circunstancias, moitas víronse abocadas a responsabilizarse dos coidados tanto no plano doméstico como na economía informal”.

Así o considera o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, quen denuncia que “como sempre en situacións de crise, as mulleres son expulsadas do mercado laboral ou, nunha situación de emerxencia sanitaria como a que vimos padecendo, convértense no continxente imprescindible para garantir funcións sociais, como os coidados, das que se desentenden as administracións públicas”.

Cartelle advirte ademais das consecuencias que para as condicións de vida das mulleres terá esta situación, mais tamén para as pensións futuras ás que poderán acceder, aumentando o risco de pobreza, que “segue tendo rostro de muller”.

Os datos do SEPE poñen de manifesto tamén o acusado descenso do número de contratos asinados (60.479) no primeiro mes de 2021. Un total de 25.377 contratos menos (-29,56%) que en xaneiro de 2020, dos que a inmensa maioría, 54.249, foron temporais.

Demanda de políticas públicas

Diante desta situación o secretario confederal de Emprego e Industria denuncia a inxustiza das políticas adoptadas polos distintos gobernos para afrontar as consecuencias da crise sanitaria e exixe políticas públicas dirixidas realmente a garantir unhas condicións de vida dignas para as galegas e galegos.

Denuncia tamén que, tal e como constatan os datos, o recurso dos ERTEs como solución, “deixou tiradas ás persoas con contratos temporais xa desde o principio da crise sanitaria”. A isto engade que tampouco se puxo freo a que as empresas, ao tempo que recorrían a este mecanismo, seguiran facendo uso de todos os instrumentos que pon ao seu alcance a reforma laboral.

Por iso demanda, entre outras cuestións, a súa inmediata derrogación, xunto coa derrogación da reforma das pensións e da negociación colectiva; a intervención pública no sistema financeiro, coa xestión directa dos fondos europeos ou o reforzo dos servizos públicos que, máis que nunca con esta pandemia demostraron por que son esenciais.

Para demandar ese cambio radical de políticas O secretario confederal de Emprego lembra que a CIG ten convocadas mobilizacións en 18 cidades e vilas galegas para o vindeiro día 7 de febreiro e Folga de Mulleres para o vindeiro día 8 de Marzo.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM