Os deportes electrónicos, con arredor de 300 millóns de seguidores e seguidoras, son un fenómeno que está a cambiar a forma na que se consumen contidos audiovisuais entre o público máis novo. A Universidade de Vigo non é allea a esta realidade e, dende hai tres anos, conta con representación na University eSports, a liga universitaria española de deportes electrónicos. Faino a través de ThundersUVigo, un equipo formado por oito estudantes das distintas facultades e escolas dos campus de Vigo e de Ourense.
Tras tres anos competindo, nos que houbo moitas alegrías e decepcións, o equipo da Universidade inicia este 2019 coa motivación de estar a un bo nivel para “poder ir ao presencial que se fai en Madrid coma un dos mellores equipos de España”, tal e como destaca Javier Carrera (Gravity), cabeza visible da organización e único membro que segue no equipo dende a súa creación. Este ano os Thunders compiten en dous videoxogos: League of Legends (LoL) e Clash Royale (CR). A 1ª fase do campionato rematou en decembro cun éxito notable para o equipo vigués, acadando un segundo posto en CR e un terceiro en LoL dentro da conferencia AER, que agrupa universidades do País Vasco (3), Castela e León (3), Galicia (2), Asturias(1), Cantabria(2), Navarra(1) e Extremadura (1).
Para a primeira parte do campionato “cambiamos dous membros do equipo de League of Legends e todo o equipo de Clash Royale”, explica Gravity. Así, o cadro de xogadores do equipo de LoL estivo composto por Tomás Campelos (Lindarisen) e Pablo González (Peiboll), estudantes de Enxeñaría Informática; Javier Carrera (Gravity) e Brais Carballo (Pollo de Corral) de Ciencias do Mar; e Juan Manuel Veira (Spanish Froggen) de Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática. No que respecta a CR o equipo mudou completamente respecto o ano pasado, formando parte del Alexia Carlón (Cuentista) do Grao en Comercio, Brais Rodríguez (BraisRT) de Enxeñaría Informática e Juan José Uzal (Uzi), de Ciencias Medioambientais.
53 equipos na liga universitaria
Cando se fala sobre eSports, fálase de competición no eido dos videoxogos, concretada en forma de torneos e ligas. Igual que non se compite en deporte, senón en fútbol, baloncesto, rugby, balonmán, etc., non se compite en eSports, senón en League of Legends, Clash Royale, Hearthstone, Counter Strike, etc. Como consecuencia, as organizacións que participan nas diversas competicións teñen equipos específicos para cada videoxogo. Así, na University eSports, os distintos centros, 53 universidades de toda España, compiten nos videoxogos Clash Royale, League of Legends e Hearthstone.
Durante esta tempada, os gañadores e gañadoras verán premiados os seus esforzos con axudas económicas que apoiarán os seus estudos e, coma novidade, a liga estará dividida en dúas fases (splits). Tras a fase de grupos, organizada por rexións en catro conferencias, os catro gañadores enfrontaranse nunha gran final presencial. Despois, o gañador da liga universitaria, terá a oportunidade de representar a España na UEMasters, competindo con outras universidades de toda Europa.
Aínda con marxe de mellora e moitos partidos por diante na segunda parte da University eSports, durante os vindeiros días terán lugar as probas clasificatorias de cara á segunda parte da competición. Nestes momentos os Thunders esperan algún cambio nos cadros de xogadores para afrontar o segundo split, aínda que o abandeirado do equipo, Gravity, mostrase confiado e coa mente en “facelo o mellor posible e tentar clasificarnos para Madrid”, como xa fixeron durante a súa primeira participación, na que remataron coma subcampións de League of Legends.
Na procura dun posto coma xogador/a profesional
Os xogos considerados eSports cumpren unha serie de requisitos non oficiais, pero recoñecidos no mundo dos videoxogos. Só se poden tomar como tales aqueles que teñan unha vertente claramente competitiva e na que os participantes partan dunha situación de igualdade de oportunidades, isto é, que nos xogos non estea condicionada a vitoria ao investimento económico dos e das participantes. A maiores, coma todo deporte competitivo, deben poder crear emoción para, deste xeito, crear unha comunidade que sustente unha competición baseada nel.
Os eSports non son un deporte común, non hai un desgaste físico durante as partidas, pero si que existe o mental e anímico asociado á presión e ao estrés ao que os xogadores se vén sometidos durante a competición. O factor psicolóxico é determinante á hora de conseguir resultados nas competicións de videoxogos, máis se estamos a falar de persoas que buscan un oco como profesionais, como é o caso dos membros de Thunders, pero de todo se pode extraer algo positivo e, tal e como salienta Gravity, participar na organización dun equipo e xogar a nivel competitivo“dache experiencia de cara á xestión de grupos, liderado, e podes ver como funcionan as redes sociais dentro do mundo dos eSports”
Rapaces e rapazas compiten todos os días en xogos en liña na procura dunha oportunidade para converterse en profesionais dos eSports e así transformar a súa paixón no seu medio de vida. “Eu actualmente estou á busca dunha academia de Super Liga Orange que queira ficharme”, conta Gravity. Mentres tanto, segue a xogar en competicións amateur e na liga universitaria, como moitos dos que están a buscar a súa oportunidade de converterse en profesional competindo no circuíto afeccionado.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.