Enxeñaría de Minas e Enerxía busca ás e aos mellores improvisadores orais

As persoas interesadas poden inscribirse ata o 20 de marzo e a cita será o 1 de abril
Publicado por o día 02/03/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Enxeñaría de Minas e Enerxía busca ás e aos mellores improvisadores orais

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e a súa Delegación de alumnado busca persoas dispostas a demostrar o seu potencial como oradoras na segunda edición do concurso de improvisación oral Eme_Pakuxa, unha iniciativa que lanzaron por primeira vez o curso pasado e que agardan se vaia consolidando e gañando adeptos. O obxectivo é axudar a mellorar a técnica das exposicións orais da comunidade universitaria, e a reposta foi xa nesa primeira edición moi positiva, contando coa participación de estudantes non  só do centro organizador, senón tamén da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, de Bioloxía e de Ciencias do Mar, facultade de Andrea Noche, gañadora da primeira edición.

A cita será o vindeiro 1 de abril no vestíbulo da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía das 14.00 ás 15.00 horas e nela cada participante terá que amosar, diante dun xurado constituído por dous docentes da escola e dous estudantes, a súa capacidade de improvisación disertando durante 20 segundos sobre cada unha das 16 diapositivas que lles propoña a organización, tentando facelo de xeito coherente e orixinal. As persoas interesadas en participar deben enviar as súas inscricións a [email protected] antes do 20 de marzo indicando o seu nome e o grao que cursan.

Unha particular adaptación do formato oriental Pecha Kucha

A idea de organizar este concurso xurdiu na Delegación de alumnado da EME ante a boa acollida que está a alcanzar a nivel mundial o formato Pecha Kucha, considerado por moitos como un método infalible para facer presentacións eficaces. Ideado por dous arquitectos en Tokio no ano 2003 o nome Pecha Kucha é unha onomatopea xaponesa que se usa para referirse ao son dunha charla casual. A idea básica consiste nun formato no que se expón unha presentación de maneira sinxela e informal mediante 20 diapositivas amosadas durante 20 segundos cada unha. En total non máis de seis minutos e 40 segundos.