Tras a morte o pasado 7 de xaneiro de Mustafá, un empobrecido galego senegalés sen teito que pernoctaba nun chabolo en Beiramar, colectivos sociais da cidade de Vigo viñeron facer no día de hoxe un recordo colectivo no seu nome, o evento empezou ás 17:30h fronte o Albergue de Marqués de Valterra.
No acto de recordo tamen contou cunha reivindicación sobre as melloras necesarias e urxentes para as persoas sen fogar da nosa cidade, os colectivos alí presentes levan anos denunciando estes feitos.
O manifesto
Hoxe xuntámonos diante do albergue municipal e preto do coche e o chabolo onde malvivía o compañeiro Mustafá, finado o pasado 7 de xaneiro.
Era ben novo, tiña 47 anos, como en xeral, ocorre coas persoas sen fogar, que padecen unha morte prematura en condicións infrahumanas, según algúns nos teñen contado, ás veces desexarían non despertar; e teñen pensado en quitarse a vida porque se lles torna insoportable.
Mustafá era un irmán galego, migrante, procedente de Senegal, e queremos sinalar as opresións que por este contexto foi atravesado, e recordar as nosas reivindicacións sobre unha Lei de extranxería máis humana e máis xusta, para que os compañeiros que chegan ao país buscando unha vida mellor, non se atopen con trabas, problemas e muros que moitas veces rematan cunha vida na pobreza severa.
Recordamos tamén que parte do seu itinerario social foi publicado abertamente dende o concello, sen ningún tipo de respeto ao seu dereito ao honor, intimidade persoal e familiar ou privacidade, e como comentabamos no escrito anterior, parécenos reprobable.
Sobre o senfogarismo, deixar claro que as persoas sen teito non cubren necesidades básicas, e polo tanto non teñen recursos para alugar unha vivenda nin condicións para conquerir un contrato, e polo tanto carecendo de fogar, primeira porta á seguridade, as súas vidas están cheas de carencias e perigos, moitas veces con enfermedades graves, adquiridas antes ou despois da situación de rúa.
As prestacións sociais son insuficientes para alugar un piso, os caseiros están a esixir una nómina non inferior a 1000 euros ao mes, un ano de antigüedade, e un aval bancario.
Xa mesmo cun emprego, o acceso ás vivendas está sendo imposible para traballadores con salarios de pobreza, precarios, con contratos por días ou horas, non regulados, e para os compañeiros que subsisten da economía sumerxida ou informal.
En Vigo hai tamén un importante número de familias en proceso de despexo, con situación altamente estresante, de inseguridade, ansiedade, angustia e estados depresivos. No 2019 notificáronse 571 órdenes de despexo. No 2020, 380, esta baixada foi pola paralización dos procesos pola Covid.
Os informes de vulnerabilidade que emiten as institucións públicas serven para aplazar os lanzamentos, pero non resolven o problema raíz: a falta de acceso á vivenda permanente. Tamén hai distintos asentamentos e chabolas nas que malviven familias con menores sen alternativa habitacional.
Os dispositivos residenciais de acollemento teñen un número de prazas insuficientes, non son confortables, non contan con programas de integración na vida comunitaria do barrio, non permiten acollemento de mascotas, non teñen habitacións de privacidade e intimidade, e o tempo de estancia máximo é de dez días, o que resulta cronificante: un círculo inhumano de acollida para voltar as rúas, choupanos e chabolos, que é producto do sistema capitalista no que vivimos, no que a precariedade é sistémica, endémica e intrínseca ao contexto sociopolítico.
As institucións públicas: concellos, comunidades autónomas e goberno central coñecen esta realidade e néganse a asumir a súa competencia política e moral para facilitar a creación dun parque público en aluguer social acorde cos ingresos de cada unha, con vivendas distribuidas en distintos puntos da cidade.
Hai quen incluso se permitu dicir que en Vigo non hai xente na rúa, e nós hoxe queremos dicir que en Vigo non só hai xente vivindo na rúa, senón morrendo, na rúa, e queremos recordar algúns nomes.
MANUEL GONZALEZ, 2016
RAFAEL GABARRI, 2017
ABDELQUAHED SOUMATI, 2018
CONSTANTIN VASIN, 2019
ANTONIO MANUEL PINTO, 2020
FRACISCO JOSÉ SÁNCHEZ, 2020
E máis compañeiros que non podemos nomear.
Por todos eles, e hoxe, polo Mustafá Sowly, irmán sen teito que finou en plena vaga de frío, en plena crise sanitaria, en situación de vulnerabilidade inexcusable, esiximos solucións inmediatas e altura política, ética e social.
Nunca, olvidaremos os vosos nomes. Grazas.
Nado en Vigo hai 38 anos. Fotógrafo, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.