Proxectar na cidade o talento que se forxa nas aulas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación é o propósito central do Certame Audiovisual A Canteira, un evento que este venres amosará no Teatro Principal unha serie de curtametraxes e proxectos audiovisuais realizados por estudantes e tituladas e titulados no grao en Comunicación Audiovisual. Organizado, coa colaboración do Concello, pola egresada desta titulación Raquel López a raíz do seu traballo de fin de grao, o evento con entrada libre programado para este venres ás 19.00 horas foi presentado nesta xornada no Concello por esta titulada xunto á docente e titora do seu TFG, Silvia García Mirón, e as concelleiras de Cultura, Carme Fouces, e Promoción da Cidade, Anabel Gulías.
A partires dunha convocatoria impulsada o pasado verán pola propia López Luz e aberta a proxectos desenvolvidos a partires do ano 2015, un total de once proxectos audiovisuais realizados por estudantes e titulados presentes na web A Canteira, o portal impulsado polo centro para dar visibilidade ao traballo do alumnado, foron seleccionados para proxectarse nun festival que conta con tres categorías competitivas, ficción, experimental e videoclip, nas que se outorgará un premio ao mellor proxecto e as que se suma unha cuarta sección fóra de concurso. Trátase, sinala López, de obras de “distintos formatos e xéneros” que amosan “gran talento e innovación audiovisual” e que neste evento que “ten como obxectivo a visibilización e promoción do alumnado” optarán, explica, tanto a un “trofeo simbólico” como gañadores ou gañadoras na súa modalidade como a un premio consistente na posibilidade de colaboración, “ben facendo prácticas ben podendo participar nun proxecto futuro”, coas produtoras Frida Films, Matrisuka e Adarme Visual.
“Para nós como centro este tipo de iniciativas que buscan dar a coñecer o talento da facultade, o talento dos alumnos e alumnas, son algo fundamental”, salientou García Mirón, quen destacou o traballo realizado por Raquel López, “que dedicou o seu TFG a organizar un evento para promocionar o talento dos seus compañeiros”. A representante de CCSS e da Comunicación puxo o acento así mesmo no positivo deste tipo de iniciativas para “que a cidade coñeza o que se fai na facultade”, onde existe, lembra, “moito talento”, como amosa tanto a “calidade dos traballos seleccionados, moitos incluso con recoñecementos previos”, como o feito de que “semana tras semana nos atopemos algunha noticia de egresados da facultade que conseguen premios ou logros nos seus traballos”.
Doce exemplos de talento
O realizador Manuel Viqueira, que ten realizado videoclips para grupos como Green Day, La Pegatina ou Love of Lesbian, e a directora e ex-alumna da facultade Anxos Fazáns, que recentemente estreaba a súa primeira longametraxe, A estación violenta, son dous dos integrantes do xurado encargado de decidir os premiados e premiadas nas tres seccións competitivas deste certame. Na de ficción, proxectaranse Estatus, curta dirixida polo estudante Ricardo Araújo que recentemente gañaba o premio á creación audiovisual da Universidade de Vigo, así como o galardón á mellor curta na categoría de escolas e facultades do FIC Bueu; xunto con Lonxe, do titulado Alejandro Rodríguez, peza seleccionada en festivais como Curtocircuíto oou as Xociviga do Carballiño; e Nada Peor, de Sara Fernández.
Para a categoría experimental foron seleccionados dous traballos da estudante Ariadna e Cordal, A rapaza e a cidade e Siluetas, xunto con Muller personaxe, obra da egresada Lucía Estévez, galardoada neste 2018 na categoría de videoensaio dos Premios María Luz Morales. Por último, na modalidade de videoclips, optarán ao premio Amarga despedida, de Iago Sequeiros, Behind the curtain de Andreia Teijeira e Ana Diz e Dos Pieles de Pablo Pastoriza.
O evento complétase así mesmo coa categoría non competitiva Descubre, na que se proxectará a curta Estela, de Ariadna Cordal, recoñecida tamén nos premios de creación audiovisual da Universidade e seleccionada na última edición do Festival de Cans, á vez que premiada no Moondance Festival da universidade estadounidense de Tampa; e a webserie Generación Wifi, producida pola egresada Araceli Louro e nomeada no presente ano aos Premios Mestre Mateo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.