A Deputación de Pontevedra acaba de asinar un convenio de colaboración coa Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo para impulsar o proxecto “Camiño ao bo trato”. En total, o Goberno provincial achega 6.000 euros a esta iniciativa da Rede de mulleres encamiñada a formar e previr as violencias machistas e abordar de xeito integral a violencia de xénero.
O proxecto “Camiño ao bo trato” está enfocado a acadar un maior coñecemento dos procesos das violencias machistas para unha mellor intervención na praxe profesional e unha maior detección e comprensión. Máis polo miúdo, o programa consta de dúas fases: a primeira, na que se presentará e divulgará a iniciativa, e unha segunda na que se van desenvolver as actividades de prevención e formación, ben a través de obradoiros na sede da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, ben nos locais dos colectivos participantes.
A iniciativa, impulsada pola entidade e o Goberno de Carmela Silva, está dirixida a diferentes colectivos, desde mulleres e homes interesados na formación en xénero, ata profesionais de atención dos servizos sociais e profesorado e alumnado de centros educativos. Entre os seus obxectivos atópanse estender o coñecemento, comprensión e concienciación sobre as violencias machistas; favorecer a súa detección; afondar na necesidade dunha visión con perspectiva de xénero; adquirir habilidades para previr as violencias machistas; facilitar a intervención profesional, medios e instrumentos para a detección máis eficaz e operativa dos malos tratos exercidos a menores ou mulleres; incorporar modelos igualitarios e facilitar a comprensión da dinámica psicosocial dos malos tratos.
A formación que achega “Camiño ao bo trato” será teórica e práctica, con exercicios vivenciais que teñen por finalidade cuestionar os valores, actitudes e estereotipos interiorizados e desenvolver estratexias para a mobilización persoal e social e a súa aplicación no ámbito profesional.
A Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo leva desenvolvendo labores de prevención e asistencia a mulleres que sofren violencias desde 1998. Ademais, desde a entidade tamén se organizan actividades de formación e información ás mulleres en materia de violencia de xénero, atendendo ás súas demandas e necesidades.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.