O Fogar do Maior de Caldas de Reis acolle este venres, 21 de xuño, ás 17 horas unha nova actividade sociocultural dirixida ás persoas usuarias e acompañantes do servizo de teleasistencia domiciliaria dos concellos de Caldas de Reis, Cuntis, Valga, Pontecesures, Catoira, Portas e Moraña. O obxectivo desta iniciativa, promovida cada ano pola Deputación, é favorecer as capacidades cognitivas das persoas maiores, o contacto social e previr situacións de illamento e soidade. Tras os obradoiros de memoria postos en marcha en 2018, este ano as actividades centraranse na estimulación a través da música e dos xogos e está prevista a realización de 12 actividades deste tipo entre os meses de marzo e outubro.
Na actualidade, o servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra atende a un total de 602 persoas de 46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Trátase dun servizo que permite, a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional, manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida. Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, dáselle resposta inmediata ás persoas usuarias, as 24 horas ao día os 365 días do ano, mobilizando os recursos necesarios para solucionar a incidencia.
O servizo de teleasistencia domiciliaria como fórmula para manter a calidade de vida das persoas maiores, é unha iniciativa importante, especialmente, nas zonas rurais máis illadas, xa que permite ás persoas usuarias estar conectadas permanentemente cos servizos sociais e de saúde. Para os casos de especial vulnerabilidade, o servizo dispón de unidades de control remoto, con detector de movemento, que envía unha alarma no caso de que non detecte movemento da persoa usuaria en doce horas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.