Ánxela e Mara recupéranse no CAAN tras seren rescatadas dun colector do lixo en Cuntis

As crías, de só dous días de vida, foron recollidas polo persoal do centro de acollida da Deputación na Armenteira e xa están a ser aleitadas por unha cadela
Publicado por o día 13/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Ánxela e Mara recupéranse no CAAN tras seren rescatadas dun colector do lixo en Cuntis

Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra recolleu este xoves dúas crías de cadela abandonadas nun colector do lixo en Cuntis con apenas dous días de vida e sen alimentar. Foi o persoal de limpeza do citado Concello quen encontrou os animais en condicións críticas cando realizaba o seu servizo e lle deu aviso a Protección Civil de Cuntis, que trasladou as cadeliñas á súa base, onde foron recollidas polo persoal do CAAN.

As crías, de cor negra e mestizas, que foron bautizadas no centro como Ánxela e Mara, recupéranse agora coa axuda de Rula, outra cadela do centro que as adoptou e que as está a aleitar. O persoal do CAAN destacou que Rula está a aceptar moi ben as pequenas crías, que van evolucionando favorablemente, aínda que son moi débiles debido a que non se alimentaran desde o seu nacemento. Desde o centro da Armenteira destacan que o aleitado é a mellor forma de cría para estes primeiros momentos, aínda que se os cachorros non gañan peso complementarase a alimentación con biberóns. Se a recuperación vai adiante, o CAAN esperará a que cumpran 45 días para vacinalas e poder logo ofrecelas en adopción.

A Deputación de Pontevedra lamenta este novo episodio de abandono animal e salienta que unha sociedade desenvolvida “non se pode permitir abandonar dous cachorros abocados á morte”. A pesar de que boa parte da sociedade está cada vez máis concienciada acerca desta problemática e tamén a respecto das adopcións, aínda seguen a ser numerosos os casos de maltrato. O CAAN segue mantendo a premisa coa que naceu: fomentar o dereito á vida dos animais, erradicar o abandono e promover as adopcións. Neste senso, hai que subliñar que desde a súa posta en marcha en abril do 2013 o centro superou as 9.000 intervencións nos 48 concellos da provincia que están adheridos a este servizo da Deputación, cunha poboación beneficiada de 400.000 persoas. Preto de 400 animais atópanse neste momento no centro e, no que vai de 2019, recolléronse 563.

O Goberno de Carmela Silva, que porá en marcha nas próximas semanas unha nova campaña contra o abandono e a favor das adopcións, aprobou a principios de setembro a adxudicación do contrato para o inicio de novas actuacións de mellora no CAAN de Meis por valor de 293.627,90 euros. Tal e como explicou a presidenta, o proxecto abrangue a creación dunha nova zona de maternidade e outra de esparexemento, a remodelación da zona de corentena e hospitalización e a mellora do espazo de clínica para adecuar o CAAN á Lei 4/2017 de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia.