Os traballos de humanización na rúa da Estrada, no concello pontevedrés de Marín, estarán rematados moi pronto, para uso e desfrute de toda a veciñanza. Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no transcurso dunha visita á zona das obras, cun investimento total de case 360.000 euros dos que o seu departamento achega o 70% (251.361 euros) e o Goberno local, o 30% restante.
A rúa da Estrada e máis concretamente o tramo sobre o que se está a intervir -entre as rúas Méndez Núñez e Concepción Arenal- é un dos puntos centrais da vila pontevedresa e tamén un dos máis frecuentados polos seus veciños, ao atoparse moi preto do Concello, da Policía Local e de varios centros educativos. Por iso, a conselleira subliñou a importancia que terá esta actuación, cuxos traballos xa están moi avanzados, para o conxunto da veciñanza.
Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que o obxectivo é humanizar o espazo actual para optimizar o seu desfrute e uso público, intervindo sobre a accesibilidade da rúa, a seguridade, os servizos existentes ou o mobiliario urbano.
Para logralo, explicou que entre os principais traballos que se están a acometer figura o pavimentado de pedra para obter beirarrúas máis amplas, a remodelación do firme, a renovación do alumeado público e os sistemas de abastecemento e saneamento, así como a instalación de sinalización horizontal e vertical e doutros elementos, como xardineiras.
Deste xeito, os veciños de Marín disporán dun espazo mellorado e máis atractivo grazas ao apoio prestado polo seu departamento a este municipio, onde, lembrou, xa colaborara nunha actuación similar na rúa Jaime Janer cun investimento de case 150.000 euros, e co que tamén adquiriu o ano pasado o compromiso de impulsar a construción dun novo auditorio.
Plan Hurbe e nova orde de axudas para 2021
A intervención que se está a ultimar na rúa da Estrada é froito dun convenio de colaboración para cofinanciar as obras asinado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Marín, no marco do chamado Plan Hurbe.
Cómpre lembrar que a Xunta puxo en marcha este programa no ano 2010 para contribuír á posta en valor das vilas galegas e dos núcleos rurais a través da colaboración coas entidades locais na execución de actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciar infraestruturas, servizos e equipamentos públicos e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos veciños.
Na última década e con cargo ao Plan Hurbe, a Consellería de Medio Ambiente ten executado ou comprometido un total de 317 actuacións urbanísticas en decenas de concellos galegos, actuacións que suporán a mobilización de 148,96 millóns de euros.
Esta liña de colaboración coas entidades locais terá continuidade tamén en 2021, un ano no que, segundo explicou a conselleira, os orzamentos do seu departamento reservan máis de 7,4 millóns de euros para financiar actuacións en municipios e contornas urbanas.
Así, convocará unha orde de axudas bianual dotada con 2,3 millóns de euros -1,3 M€ para este ano- destinada á creación ou mellora de infraestruturas en concellos de menos de 50.000 habitantes; e investirá o resto do orzamento reservado en actuacións municipais que cumpran cos obxectivos de dinamización social e humanización do devandito programa.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.