A Xunta abre hoxe e ata o próximo 29 de marzo o prazo de inscrición para a terceira edición do programa ‘Medrando Xuntas’ co que se promove o talento feminino na economía social. A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria conta con dous itinerarios, un dirixido a mulleres con responsabilidades de goberno e de xestión nas entidades de economía social e outro cuxas destinatarias son socias e/ou traballadoras.
O primeiro dos itinerarios ofrece ás participantes unha formación desde a perspectiva de xénero, co fin de potenciar as súas capacidades directivas como factor clave no seu posterior desenvolvemento profesional. O curso contará con 60 horas de duración e terá lugar entre o 5 de abril e o 5 de xullo na sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela. As docentes están especializadas nas diferentes áreas temáticas do curso que abarcan cuestións vinculadas á xestión das organizacións de economía social (organización de proxectos, innovación, transformación dixital, responsabilidade social e xestión do xénero e diversidade) e habilidades directivas como o liderado participativo, o desenvolvemento e marca persoal e comunicación e oratoria. Ademais, as alumnas contarán cun acompañamento personalizado durante toda a formación para axudalas a mellorar o seu desenvolvemento profesional.
‘Medrando Xuntas. Socias e Traballadoras’ ofrece, doutra banda, unha formación específica enfocada ás mulleres pertencentes a organizacións de economía social en contornas urbanas e rurais. O curso terá unha duración de 20 horas e terá lugar no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra, entre os meses de maio e xuño de 2019. Esta acción súmase ás xa realizadas noutras edicións en Lugo, A Coruña, Vigo e Ourense.Este programa formativo segue a mesma estrutura que o de directivas, cunha parte centrada en xestión das organizacións de economía social e outra en habilidades directivas.
‘Medrando Xuntas’, que forma parte da Estratexia galega de economía social 2019-2021, inclúe ademais a organización dun foro participativo aberto a todas as mulleres da economía social. Será un espazo de conversa sobre os retos, desafíos e oportunidades que as mulleres teñen no mundo da economía social e as ferramentas e estratexias que se están a desenvolver para contribuír á construción de modelos de negocio de éxito a través da creación dunha nova economía máis xusta, solidaria e igualitaria.
Toda a información relativa ao programa pode consultarse na web da Rede Eusumo. As prazas para participar no programa formativo son limitadas. A preinscrición pode realizarse a través do formulario que se pode atopar na web de Eusumo. Ademais, para facer consultas e contar con información adicional está dispoñible a dirección de correo eléctronico [email protected].
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.