A Xunta de Galicia ven de licitar hoxe, por 10,4 millóns de euros, os oito contratos de mantemento para os Camiños de Santiago. Trátase dunha operación de conservación que ten por finalidade manter en todo momento os itinerarios oficiais nun óptimo estado para o paso dos peregrinos e garantir o seu mantemento de cara ao Xacobeo de 2021.
Estes contratos, que foron aprobados polo Consello da Xunta o pasado mes de febreiro, terán vixencia durante dous anos ampliables a tres, anticipándose ao Ano Santo e estendéndose durante a celebración, e contarán cun importe total de 15,6 millóns de euros.
O investimento propiciará actuacións de control permanente para detectar as distintas necesidades existentes no Camiño de Santiago. Atenderanse as posibles incidencias que xurdan, danos ocasionais derivados de factores externos como a climatoloxía, ademais de atender a súa conservación ordinaria. Abarca, polo tanto, operacións de supervisión, así como correctivas, programadas e ocasionais, seguimento e control, operacións sistemáticas normativas, tarefas preventivas, ou actuacións de limpeza ou sega, entre outras.
As empresas interesadas teñen de prazo ata o martes 9 de abril para presentar as súas propostas, tanto por correo certificado ou no rexistro da Axencia Turismo de Galicia. Toda a información sobre a licitación destes contratos de mantemento está dispoñible en https://www.contratosdegalicia.gal/consultaOrganismo.jsp?lang=gl&ID=800&N=242&OR=242
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.