A Xunta estrea mañá a iniciativa da Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do deporte ‘Píldoras solidarias’ para axudar á preparación de deportistas no período de confinamento

Distintos profesionais da psicoloxía deportiva realizarán adestramentos mentais dirixidos a deportistas e técnicos no tempo que haxa restricións pola expansión do coronavirus; a primeira será mañá ás 18,00 horas
Publicado por o día 19/03/2020 na sección de Galicia,Deportes,Xunta de Galicia

A Xunta estrea mañá a iniciativa da Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do deporte ‘Píldoras solidarias’ para axudar á preparación de deportistas no período de confinamento

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, vén de sumarse á iniciativa ‘Píldoras Solidarias. Entrenamiento Mental’ da Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte (SIPD) que preside o psicólogo deportivo galego Joaquín Dosil.

O Goberno galego promove, apoia e difunde xunto a SIPD este programa nacido para axudar á preparación e motivación dos e das deportistas, técnicos e técnicas, así como todos os representantes do tecido deportivo neste período de confinamento derivado da declaración do estado de alarma pola expansión do coronavirus.

A iniciativa comezará mañá venres 20 de marzo ás 18,00 horas, cunha pílula de 10 minutos de adestramento mental en directo. A proposta levarase a cabo cada día á mesma hora e co mesmo formato cun referente da psicoloxía do deporte. Para participar nestas actividades cómpre completar o formulario presente nesta ligazón.

En total, estes adestramentos aos deportistas dun mínimo de 18 países: México, Guatemala, Nicaragua, Costa Rica, Porto Rico, Cuba, Honduras, Ecuador, Perú, Colombia, Venezuela, Brasil, Uruguai, Paraguai, Arxentina, Chile, España e Portugal.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, sinalou que nestes 15 días de corentena todos debemos cumprir as instrucións e permanecer na casa. Deste xeito animou aos deportistas galegos a modificar a súa rutina de adestramentos en beneficio de toda a sociedade, lembrando que a Xunta de Galicia xa está en contacto permanente coas administracións estatais para defender os dereitos do deporte galego.

Neste sentido, o programa ‘Píldoras Solidarias’ é unha iniciativa na que participa a Secretaría Xeral para o Deporte que intenta minimizar os prexuízos que o confinamento pode causar na preparación de todos os actores do noso tecido deportivo