A Xunta demanda que o Goberno manteña en 2021 o Fondo de Compensación ao sector do transporte público ao rexistrar unha caída da demanda de ata o 80%

Ethel Vázquez salienta que a Xunta xa se dirixiu ao Ministerio para solicitalo de xeito oficial, logo de avanzalo en decembro na Conferencia Sectorial, e outras comunidades comparten a postura

A Xunta demándalle ao Goberno de España que manteña neste ano 2021 o Fondo de Compensación ao transporte público de viaxeiros en autobús de Galicia, que ten rexistrado unha caída da demanda de ata o 80%.

Así llo trasladou este mediodía a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, aos representantes das principais federacións do sector de transporte de viaxeiros por estrada de Galicia (Anetra, Fegabus, Fegatravi e Transgacar), con quen mantivo un encontro de traballo telemático. Na reunión tamén participaron o secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade compartiu a preocupación trasladada polo sector do transporte de viaxeiros xa que, aínda nos meses coa mellor situación sanitaria, os niveis de demanda dos autobuses mostraron unha recuperación “incompleta” e afastada dos datos previos á covid e agora, de novo, pola situación da pandemia, a caída de usuarios no transporte público en autobús chega ao 80% nalgúns casos.

Por iso, segundo detallou, a Xunta tense dirixido xa ao Goberno de España para solicitar oficialmente o que xa se lle tiña avanzando na Conferencia Sectorial de decembro, para que se estenda a este exercicio 2021 o fondo estatal de compensación ao sector do transporte público de pasaxeiros. Trátase, en palabras de Ethel Vázquez, dunha medida “fundamental” para garantir a supervivencia dun sector que presta un servizo público esencial e imprescindible, que está a ser “duramente castigado” pola pandemia, e unha medida que, ademais, “defenden outras autonomías”.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade puxo en valor o esforzo realizado pola Xunta para achegar, o pasado ano, liquidez ao sector, anticipando, tramitando e resolvendo coa máxima axilidade o pagamento dos 28 millóns de euros asignados a Galicia do Fondo estatal de compensación ao transporte público.

A Xunta tamén se comprometeu a analizar as propostas do sector para axustar o nivel de oferta de servizo ás actuais restricións de mobilidade, sempre tendo en conta o requisito de atender axeitadamente as necesidades dos traballadores e usuarios dos servizos públicos.

A xuntanza celebrada este mediodía prodúcese no marco de diálogo permanente que a Administración autonómica vén mantendo coas empresas de transportes, que se ten intensificado desde a irrupción da pandemia pola covid-19.

Ethel Vázquez salientou que a Xunta sempre defendeu o transporte público como un servizo esencial na Comunidade, porque o autobús é o medio polo que miles de cidadáns acceden á sanidade, á educación pública ou cada día aos seus postos de traballo. Por iso, asegurou, desde o primeiro momento o Goberno galego traballou a carón das empresas para poñer en marcha medidas e protocolos para garantir unha mobilidade segura no transporte público, sempre co visto e prace das autoridades sanitarias.

Lembrou, nesta liña, as medidas de prevención e protección da saúde dos viaxeiros e dos traballadores do transporte público, a activación dun protocolo especialmente esixente para os autobuses compartidos entre escolares e maiores, ou a adaptación do aforo máximo dos vehículos á situación sanitaria de cada momento.

Ethel Vázquez agradeceu a responsabilidade e a implicación que, con carácter xeral, mostraron as empresas galegas de transporte no cumprimento estrito das medidas destinadas a garantir a mobilidade sostible, máis tendo en conta que este sector é un dos que está a padecer con máis dureza as consecuencias da redución da mobilidade desde a declaración da emerxencia sanitaria.

Por último, a conselleira referiuse á aposta que a Xunta vén realizando polo sector, completando a implantación do Plan de transporte público de Galicia, coa reordenación integral do sistema de autobuses interurbanos da Comunidade, ao que destina 73 millóns de euros en cada exercicio. Ademais a Xunta traballa para estender a todas as liñas interurbanas a gratuidade do autobús para menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova antes do verán, e ten tamén priorizado a dixitalización e modernización do transporte na solicitude ao Ministerio de fondos europeos do Plan de recuperación, presentando proxectos neste eido que supoñen un investimento de 13 millóns de euros.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM