A Xunta convoca oito bolsas de formación e especialización marítimo- pesqueira

As bolsas están dirixidas a titulados en ciclos formativos de Acuicultura, Análise e Control, e Anatomía Patolóxica e Citodiagnose
Publicado por o día 08/06/2018 na sección de Mar

A Xunta convoca oito bolsas de formación e especialización marítimo- pesqueira

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de oito bolsas de formación dirixidas a titulados de ciclos formativos de grao superior en materia de Acuicultura, Análise e Control, e Anatomía Patolóxica e Citodiagnose. Para o financiamento destas estadías, a Consellería do Mar destina 163.200 euros para as anualidades 2018, 2019 e 2020 co fin de fomentar a investigación e especialización nestas materias.

Estas bolsas de especialización post-formativa son para a realización de prácticas como persoal auxiliar de investigación mariña. Así, ofreceráselles aos bolseiros a oportunidade de participar en experiencias e programas específicos de investigación, facilitándolles unha preparación práctica cualificada e de probada utilidade para a inserción na vida empresarial.

A formación realizarase durante dous anos no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Corón e no de Ribadeo. A Consellería do Mar aposta pola especialización do alumnado e por facilitar o seu acceso ao mundo laboral; de aí o interese en convocar estas bolsas.

Poderán optar a estas bolsas todos os alumnos titulados como técnicos en Acuicultura, técnicos en Análise e Control e Técnicos en Anatomía Patolóxica e Citodiagnose. O importe de cada bolsa inclúe unha asignación mensual bruta de 800 euros e a alta no réxime xeral da Seguridade Social. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a contar desde hoxe.