A Xunta de Galicia vén de convocar a través do Diario Oficial de Galicia as axudas á etapa posdoutoral da modalidade B (establecemento e consolidación dunha liña de investigación propia) dirixidas a persoal investigador en organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego.
Trátase dunha convocatoria conxunta entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dotada con preto de 2,5 millóns de euros para 24 contratos, o que supón un reforzo orzamentario do 14,3% e tres contratos máis con respecto á ultima convocatoria. A nova convocatoria foi acordada coas tres universidades.
Estes contratos −cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ata o 22 de febreiro− forman parte dos programas de apoio á formación predoutoral e posdoutoral do Goberno Galego, que este ano acadan un importe de 17,65 millóns de euros (un 5% de crecemento) e un total de 175 contratos, o que supón a convocatoria de maior envergadura −tanto a nivel de orzamento como de prazas− realizada ata o de agora en Galicia para estes dous programas.
Mantéñense os salarios para os tres anos de contrato
Estas axudas da modalidade B posdoutoral consisten nun contrato de dous anos de duración e unha axuda complementaria co fin de dar continuidade á carreira investigadora destas persoas, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria.
Poderanse conceder ata 24 axudas (20 para as universidades do Sistema Universitario Galego e catro no resto de entidades beneficiarias) de dous anos, por un importe total máximo de 49.000 euros anuais cada unha delas, exactamente a mesma contía establecida na última convocatoria destes contratos.
O importe das axudas nesta modalidade destinarase a pagamento dos contratos, custos sociais, axuda para a creación dunha liña de investigación propia e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada. Entre os gastos considerados elixibles, asociados á creación dunha liña de investigación propia, están a compra de pequeno equipamento inventariable e material funxible ou material bibliográfico, a contratación de persoal investigador ou auxiliar, ou os gastos derivados do uso de ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, entre outros.
A convocatoria está dirixida ao persoal doutor investigador beneficiario dunha axuda posdoutoral na modalidade A da convocatoria de 2017 e que non renunciaran ao contrato; que estiveran contratados a través da modalidade A da convocatoria de 2016, finalizaran o seu contrato con posterioridade ao 31 de xullo de 2019 e obtiveran unha avaliación positiva; ou que tiveran un contrato posdoutoral por parte do Gain nas entidades establecidas e que non renunciaran a dita axuda, entre outros requisitos establecidos na convocatoria.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.