O Diario Oficial de Galicia (DOG) de onte publicaba a segunda edición da convocatoria de axudas Talento Sénior, encamiñada a apoiar a contratación de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i en empresas e organismos de investigación públicos ou privados de Galicia. A orde, que ten aberto o prazo de solicitude entre hoxe e o 11 de agosto, está dotada cun orzamento ampliable de 960.000 euros, co que se prevé apoiar a contratación de 14 profesionais, con máis de cinco anos de experiencia, no ámbito da I+D+i.
A intensidade da axuda variará entre o 40 e o 60% en función da retribución bruta por cada contrato indefinido ou de duración igual ou superior a 3 anos. Apoiaranse ata 2 contratos por entidade, en función da dispoñibilidade orzamentaria, cunha retribución anual bruta mínima de 40.000 euros. Os requisitos que debe cumprir o persoal que se contrate son: estar en posesión dunha titulación universitaria media ou superior, contar cunha experiencia laboral superior a 5 anos e non ter sido contratado nos 2 anos anteriores pola entidade solicitante, no mesmo grupo de cotización.
Entre os criterios de valoración da convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, inclúense o perfil da persoa que se vai contratar, a súa experiencia en I+D+i e a súa traxectoria internacional, a condición de retorno e atracción e a calidade do proxecto de I+D+i proposto. Primarase, ademais, a igualdade de xénero, tendo en conta que a persoa a contratar sexa unha muller e que a entidade beneficiaria presente un plan de igualdade, e a contratación indefinida.
O obxectivo desta liña de axudas é estimular a demanda de profesionais de alta cualificación nas empresas e centros de coñecemento, así como atraer e reter talento en Galicia. A edición de 2018 deste programa permitiu a contratación de 10 profesionais de alta cualificación -sete en empresas e tres en centros tecnolóxicos- que desempeñan actividades de I+D+i en sectores como as TIC, a automoción, o aeronáutico, a Industria 4.0, o lácteo, a pesca ou os servizos de enxeñaría.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.