A coordenadora do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo (PE), Lídia Senra, participou na tarde de hoxe na xornada “Bens comúns e xustiza ambiental. Os retos para Europa e para as autoridades locais”, convocada polas tamén eurodeputadas do GUE/NGL Eleonora Forenza (L’Altra Europa con Tsipras) e Lynn Boylan (Sinn Féin) no PE.
Entre os obxectivos desta xornada figura a vontade de contribuír ao relanzamento de políticas de preservación dos bens comúns e a procura da xustiza ambiental en Europa. A denuncia da crecente capitalización e privatización de moitas das cuestións que até o día de hoxe considerabamos como bens ou servizos públicos -tales como a auga, a educación, a saúde ou a cultura- foi o nexo de unión entre os catro paneis desenvolvidos hoxe.
Así, persoas expertas procedentes de movementos sociais e do ámbito académico, xunto con representantes da política local e eurodeputadas/os que veñen traballando nestas cuestións ao longo de toda a lexislatura, presentaron os conceptos clave e achegaron o que consideran como puntos máis relevantes para a elaboración dun marco legal aplicado a unha política europea de bens comúns, achegando experiencias concretas de xestión dos mesmos.
A través da súa participación na mesa adicada ao rol das políticas agrarias nesta loita, Senra destacou a importancia de que a propia Política Agraria Común funcione como “unha ferramenta a través da cal poder avanzar na xustiza social e ambiental e na conservación e recuperación dos bens comúns”. Pero para iso, matizou, “cómpre elaborar outro tipo de PAC; unha PAC que sitúe no centro a cuestión do prezo dos produtos agrícolas, que implique un cambio radical de modelo de cara a superar o actual proceso de agroindustrialización a través da transición cara un modelo agroecolóxico, ca soberanía alimentaria como marco xeral das políticas agroalimentarias na UE”.
A eurodeputada galega compartiu panel cas tamén deputadas do GUE/NGL Anja Hazekamp -Partij voor de Dieren, Holanda- e Miguel Viegas -Partido Comunista Português-, o profesor da Università del Salento Nicola Grasso e o perito agrario Giuseppe Caldara.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.