A Deputación de Pontevedra destinará no vindeiro ano 2020 un investimento de ata 900.000 euros para sufragar as actuacións da nova edición de Pontegal, o programa destinado a favorecer e impulsar a actividade artística e a enorme riqueza da cultura popular da provincia, a través do apoio e promoción dos seus grupos, artistas, compañías e agrupacións en todas as expresións artísticas.
O goberno provincial, que hoxe aprobou as bases polas que deberán rexerse as agrupacións e asociacións sen fin de lucro da provincia que desexen contratar aos grupos, artistas e compañías adheridas ao Catálogo da Deputación, da un novo impulso a este programa cun incremento de 150.000 euros con respecto á edición actual.
En canto as bases aprobadas de cara as asociacións e entidades que queiran optar a subvencións para contratar a estes grupos, e co obxectivo de achegar as axudas ao número máximo posible de agrupacións e asociacións da provincia, poderán contratar un máximo de seis actividades ao ano, cun máximo de unha ao mes, e cun importe máximo para cada unha de 1.600 euros.
Unha vez que se publiquen estas bases no Boletín Oficial da Provincia, as entidades interesadas poderán logo presentar as súas solicitudes por medios electrónicos a través do formulario normalizado, dispoñible na sede electrónica da Deputación (https://sede.depo.gal). Estas peticións deberán realizarse cunha antelación de máis de 30 días naturais con respecto á data de realización prevista para a actuación.
As citadas bases recollen que as actividades para as que se soliciten actuacións con cargo ao programa Pontegal deben ir dirixidas ao público en xeral e con entrada libre. Entre outras cuestións, tamén se inclúe que as entidades, como organizadoras dos actos, deberanse logo poñer en contacto cos grupos inscritos no Catálogo para concretar a data da actuación, coñecer as condicións e facilitarlles o concerto ou a posta en escena da obra. Ademais, están obrigadas a facer a publicidade das actividades en lingua galega, empregando unha linguaxe non sexista, así como á obtención dos permisos e autorizacións necesarias para o bo desenvolvemento da actuación e notificar os posibles cambios.
Os grupos, artistas e compañías adheridas ao Catálogo de Pontegal poden consultarse na páxina web da Deputación www.depo.gal. Este inventario está aberto permanentemente á incorporación de novos grupos e artistas, co obxectivo de contribuír á súa permanente difusión e promoción. Neste senso, trátase dun rexistro vivo, sen límite temporal, ao que poden adherirse grupos, artistas, compañías e agrupacións da provincia, das múltiples e variadas expresións artísticas como o teatro, as bandas musicais, as masas corais, a danza, a música clásica, ou o folclore entre outras.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.