Apoiar o noso. Ese foi o lema co que se lanzou a campaña de dinamización directa do consumo a través da cal se sortearon 100 tarxetas regalo por valor de 50 euros entre a veciñanza que realizou compras superiores a 30 euros nos establecementos comerciais e de hostalaría da vila.
O luns celebrouse o sorteo das tarxetas e a comprobación de todos os tíckets presentados e, despois de realizar os cálculos e comprobar o cumprimento das bases por parte dos participantes, o Concello informa de que o impacto na economía local da campaña foi de 82.000 euros.
“Estamos moi satisfeitos cos resultados desta campaña, que é a primeira que se fai destas características e na que a veciñanza volcouse para apoiar o noso. Dicíamos na presentación da campaña que Marín precísanos a todos máis ca nunca e a nosa sociedade demostrou que está presente e que pon o seu grao de area para saír desta situación tan complexa”, afirmou a concelleira de Festas, Marián Sanmartín.
A edil estivo acompañada pola concelleira de Comercio, Cristina Acuña, na súa visita á Oficina da Praza de España na que os gañadores poderán recoller as tarxetas regalo hoxe e mañá en horario de 11.30 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 horas, presentando o seu DNI.
En total, foron 1.800 os participantes que botaron conxuntos de tíckets superiores a 30 euros (nalgúns casos con compras moi superiores a ese importe) durante o tempo que durou a campaña.
Agora, tal e como explica a concelleira, “os gañadores terán ata o sábado 27 de febreiro para facer uso das súas tarxetas, que só serán válidas nos establecementos comerciais e hostaleiros de Marín”.
Novas campañas e compromiso de formación
Ante a boa acollida que tivo esta campaña, o Goberno local anuncia que se realizarán máis iniciativas de incentivación do consumo similares a esta, para seguir axudando á economía local.
Estas campañas terán sempre como fío condutor a Marín en Rede, a plataforma de visibilidade e dixitalización da economía local, na que se poden consultar todos os establecementos da vila a tan só un click.
Por outra banda, o Concello segue a traballar no Plan Reactiva Marín, un proxecto no que se investirán máis de 80.000 euros e a través do cal máis de 30 negocios da vila que teñan interese en participar do proxecto e que cumpran os requisitos poderán gozar de bonos de 45 horas de formación en distintas disciplinas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.